Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

MÁIS DE UN MILLÓN DE GALEGOS SE BENEFICIARÁN EN 2011 DAS MEDIDAS DO NOVO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO NAS ÁREAS DA CORUÑA, FERROL, SANTIAGO, LUGO E OURENSE

O convenio da área da Coruña foi asinado recentemente para a súa implantación a finais de ano. O de Santiago xa foi aprobado este mesmo mes polo Consello da Xunta e os de Lugo e Ferrol serán aprobados en vindeiras datas

Nas áreas de Ourense e Pontevedra continúan as negociacións co fin de avanzar na procura dun acordo no prazo máis breve posible.

Hernández Insistiu en que os servizos de Noitebús vanse seguir facilitando, pero no escenario actual serán os máis directamente beneficiados quen os deberán financiar

Hernández explicou que hai outras alternativas ao Noitebús como o programa de condutor alternativo da Xunta que trata de mellorar a seguridade viaria incidindo na responsabilidade do condutor e na necesidade de que non inxira alcohol

Sobre as liñas deficitarias de RENFE, lembrou que o Goberno leva aportado da orde de 40 millóns de euros dende 1996, sen que en todo ese tempo se conseguira a viabilidade económica en ningunha delas por parte do xestor ferroviario

A Xunta trasladoulle en numerosas ocasións ao Goberno do Estado a necesidade de poñer en marcha servizos ferroviarios de cercanías en Galicia, non conseguindo de momento o obxectivo formulado.

Santiago, 24 de novembro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento para informar sobre a situación do transporte público en Galicia. Asegurou que o galego está a apostar pola potenciación do transporte público de viaxeiros, priorizando aquelas medidas que inciden de forma directa sobre o maior número de cidadáns.

Neste sentido, sinalou que a Xunta está a priorizar o Plan de Transporte Metropolitano nas sete principais áreas urbanas de Galicia. Afirmou que a finais deste ano xa estarán asinados os convenios do transporte metropolitano da Coruña (a sinatura cos concellos xa se produciu o pasado mes de outubro), Santiago, Ferrol e Lugo, mentres que o de Ourense asinarase a principios do vindeiro 2011 sempre que avancen as negociacións co concello para a integración urbana das liñas metropolitanas.

Deste xeito, o vindeiro ano máis de un millón de galegos beneficiaranse das medidas incluídas no novo Plan de Transporte Metropolitano: un aforro no prezo dos billetes dun mínimo do 40%, transbordos gratuítos, integración tarifaria, incorporación de novas rutas e unha maior coordinación das liñas urbanas e interurbanas.

Facendo un repaso por áreas, o convenio da área da Coruña logo da súa aprobación polo Consello foi asinado recentemente para a súa implantación a finais de ano. O de Santiago xa foi aprobado este mesmo mes polo Consello da Xunta e os de Lugo e Ferrol serán aprobados en vindeiras datas. Por último, nas áreas de Ourense e Pontevedra continúan as negociacións co fin de avanzar na procura dun acordo no prazo máis breve posible.

Para o conselleiro, "esta é a grande aposta polo mobilidade urbana e de transporte público do Goberno galego que estamos a desenvolver". A implantación das distintas áreas de transporte metropolitano, que se espera eliminen nos vindeiros anos unha boa parte do uso do vehículo particular, coas vantaxes que iso significa para as economías familiares e para a calidade ambiental das cidades.

Noitebús
Manifestou a súa confianza en que os cidadáns entendan que nunha situación económica como a actual, cun profundo recorte orzamentario, obrigan a tomar decisións difíciles, como a supresión da subvención ao Noitebús, para potenciar programas como o transporte metropolitano.

Afirmou que este servizo estaba sobredimensionado, con preto de 200 rutas, "o que non se dá en ningunha outra comunidade autónoma de España e moito menos no contorno europeo, moitas das cales non chegaban a ter máis de 5 usuarios por noite, o que supuxo a supresión dunha boa parte delas, mesmo por parte do Goberno anterior". Explicou que desde o ano 2007 ata a actualidade a Administración galega leva investido preto de 14 millóns de euros, e que só no ano 2009 chegou a destinar arredor de 6 millóns.

En todo caso insistiu en que as empresas de transporte -e mesmo os concellos que o consideren- poderán seguir prestando este servizo, especialmente nas rutas cun elevado índice de usuarios e o custo do billete podería rebaixarse coa colaboración de asociacións e empresas de hostalería. Aseurou que a Xunta de Galicia continuará realizando campañas de concienciación entre a mocidade galega para o consumo responsable de bebidas alcohólicas.

Liñas deficitarias de RENFE
Por último, en relación co cesamento das axudas para sufragar liñas ferroviarias deficitarias de RENFE, lembrou que o conxunto da rede ferroviaria de Galicia está incorporada á Rede Ferroviaria de Interese Xeral e, polo tanto, é competencia exclusiva do Estado, quen ten a potestade de proceder á declaración de interese público nos casos das liñas deficitarias.

Destacou que o Goberno galego non está disposto a continuar financiando o déficit de RENFE nunha serie de liñas polas que, desde 1995 a compañía leva recibido da orde de 40 millóns de euros da administración galega, sen que en todo ese tempo se conseguira a viabilidade económica en ningunha delas. "Os elevados custos de manter os 150 servizos semanais que, mesmo nalgún caso, superan os 41 euros por viaxeiro, non aconsellan seguir con esa política, tendo en conta a existencia de outras alternativas para os cidadáns, semellantes nos seus servizos, pero moito máis eficientes", asegurou.

Por outra banda, indicou que a Xunta trasladoulle en numerosas ocasións ao Goberno do Estado a necesidade de poñer en marcha servizos ferroviarios de cercanías en Galicia, non conseguindo de momento o obxectivo formulado.