Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA POTENCIARÁ O TRANSPORTE METROPOLITANO, PARA FAVORECER A MOBILIDADE DE 1,8 MILLÓNS DE CIDADÁNS E DESCONXESTIONAR AS URBES GALEGAS

Outro dos fitos do plan de transportes do actual Goberno é impulsar as novas rutas aéreas para facer máis competitivos os aeroportos de Galicia e tamén se potenciará o transporte escolar.

Agustín Hernández manifesta que o seu departamento continuará coa implantación das actuacións do Plan de Modernización das concesións de transporte, en paralelo coa debida defensa xurídica das competencias, despois de que a Comisión Nacional da Competencia interpuxera un recurso contra este plan.

Lamenta a "impaciencia" dos socialistas e solicita tempo para que o sector poida adaptarse, conforme á normativa actual na Comunidade, co obxectivo de acadar un transporte moderno, eficaz e eficiente.

Asegura que non é comprensible que a Xunta subvencione servizos nocturnos para desprazar aos mozos "de marcha" en zonas nas que pola mañá non existe transporte público, para cubrir necesidades tan básicas como acudir ao traballo ou ao servizo médico

Santiago, 29 de setembro de 2010.- A Xunta de Galicia potenciará nos orzamentos do ano 2011 o transporte metropolitano, co fin de favorecer a mobilidade de 1,8 millóns de persoas e desconxestionar as urbes galegas. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, fixo estas declaracións no Pleno do Parlamento onde compareceu para dar conta das actuacións da Xunta para modernizar o sector do transporte público.

O titular de Infraestruturas explicou que neste campo a Xunta xa ten camiño feito, pois no Consello do 9 de setembro aprobouse o convenio da área da Coruña, coa previsións de que se poida implantar de inmediato e adiantou que en próximas datas se aprobarán os de Ferrol e Santiago e, posteriomente, o de Lugo. Por outro lado, lamentou que o Goberno anterior non foi capaz de poñer en marcha o novo Plan de Transporte Metropolitano en ningunha das sete áreas metropolitanas de Galicia durante os 4 anos de mandato.

Recurso da Comisión Nacional da Competencia
Hernández confirmou que o seu departamento vai a continuar coa implantación en prazo das actuacións previstas no Plan de Modernización das concesións de transporte, en paralelo coa debida defensa xurídica das competencias propias en calquera instancia á que a Comisión Nacional da Competencia dirixa as súas argumentacións. Trátase dunha postura que conta co apoio das catro Federacións de Transporte, que se dirixiron á Xunta para manifestar a súa desconformidade coa actuación da Comisión Nacional e ofrecen a súa colaboración da defensa do contido da Lei de Medidas Urxentes, matizou.

Aclarou que non se poden compartir as conclusións da Comisión, ao estimar que inciden nas propias competencias estatutarias de Galicia e da xeneralidade das comunidade autónomas, que teñen adoptado medidas moi semellantes.

Plan de Transportes
O representante da Xunta recordou que no plan de modernización galego recóllense unha serie de actuacións e uns horizontes temporais que resultan imprescindibles para acadar este obxectivo. Lamentou a impaciencia do grupo socialista e solicitou tempo para que o sector se poida adaptar, conforme á normativa actual na Comunidade, co obxectivo de acadar un transporte moderno, eficaz e eficiente.

Segundo manifestou, estas actuacións inclúen medidas como melloras tecnolóxicas e de explotación, na calidade do servizo, a redución da idade dos vehículos, a atención a usuarios con mobilidade reducida, así como medidas socio-laborais, tan importantes na situación económica actual, como a formación dos seus traballadores e a estabilidade no emprego.

A modo de exemplo, informou dos distintos obxectivos e prazos que se acadarán nun horizonte inmediato, como que a finais de novembro deste ano as empresas deberán ter remitido á Dirección Xeral de Mobilidade a estrutura laboral da entidade adscrita á concesión ou que en xaneiro do vindeiro ano deberá ser accesible para todas as persoas con mobilidade reducida calquera vehículo que se adscriba por primeira vez á concesión de transporte público de Galicia.

En relación ao grado de cumprimento da mesma, o conselleiro lembrou que as empresa teñen este mes para presentar as solicitudes, e que a práctica totalidade das empresas concesionarias xa enviaron a documentación no prazo requirido. Na actualidade a Consellería está a estudar a documentación presentada co fin de comprobar que se cumpra todos os requisitos establecidos no Plan.

Noitebús
O conselleiro de Medio Ambiente resaltou que a actual situación económica actual non permite que a Xunta de Galicia poida seguir financiando o Noitebús, sobre todo tendo en conta que se atopa sobredimensionado, pois un bo número das case 200 rutas actuais teñen un escaso número de usuarios, feito que implica un gran esforzo económico que ten unha rentabilidade social moi pequena.

Nese senso, aclarou que é necesario mellorar a eficacia do diñeiro que se emprega neste tipo de programas, sobre tendo en conta que non é comprensible que a Xunta subvencione servizos nocturnos para desprazar aos mozos de marcha, en zonas nas que pola mañá non existe transporte público, para cubrir necesidades tan básicas como acudir ao traballo ou ao servizo médico.

Agustín Hernández argumentou que non hai ningunha comunidade española que manteña unha oferta tan ampla deste tipo de rutas. Segundo os datos dispoñibles, a única que se aproxima é Madrid onde este servizo conta só con 38 rutas (apenas un 20% das que ten Galicia). En Cataluña hai unicamente 16 (menos do 10% das que ten Galicia, e todas elas na área metropolitana de Barcelona). En Aragón, está xestionado a través dos concellos, e outras comunidades, como Castela e León, non contan con este servizo.

Por último, explicou que a Xunta non elimina os servizos do Noitebús, senón as subvencións, polo que os servizos poderán seguir ofertándose por parte das empresas de transporte interesadas ou das asociacións de hostalería para dirixir a clientela cara aos seus negocios.