Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

MEDIO AMBIENTE LICITA POR 500.000 EUROS O ANTEPROXECTO DO METRO LIXEIRO DE VIGO, QUE DARÁ SERVIZO A TODA A ÁREA METROPOLITANA

A Consellería de Medio Ambiente avanza na tramitación do estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro de Vigo xa que o pasado 25 de maio licitouse no Diario Oficial da Unión Europea

Este novo plantexamento potenciará un sistema de transporte público na área metropolitana de Vigo que estará coordinado cos servizos de bus, e que permitirá combinarse con outros modos de transporte co obxectivo de mellorar a mobilidade

 

Santiago, 9 de xuño de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación por 500.000 euros do estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro de Vigo, que dará servizo a toda a área metropolitana. Medio Ambiente avanza un paso máis na tramitación deste proxecto, despois de que licitara no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro de Vigo.

A actual Xunta pretende potenciar un sistema de transporte público na área metropolitana de Vigo que estará coordinado co resto da oferta de transporte público, e que permitirá combinarse con outras medidas relacionadas coa mobilidade, como a tarxeta do transporte metropolitano de Galicia ou a complementariedade cos aparcamentos disuasorios.A intermodalidade será unha peza clave na planificación do desenvolvemento do metro lixeiro.

O novo estudo e anteproxecto do metro lixeiro de Vigo realizarase en tres fases. Na primeira concretaranse os estudos previos e o plan de rede, no que se incluirán todos os aspectos necesarios para a definición de obxectivos da rede, como: un estudo social, a conexión cos sistema de transporte existente, un diagnóstico do sistema de transporte para poder determinar as necesidades funcionais e configuración básica do novo sistema. Así mesmo, deberá determinarse unha correcta avaliación Ambiental do Plan segundo o marcado pola Lei 9/2006 que evalúa os efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

A segunda fase centrarase no estudo de viabilidade e alternativas, polo que se levará a cabo unha análise co fin de comparar e valorar as posibles opcións de desenvolvemento da rede e, por último, na terceira fase redactarase o anteproxecto de construción e explotación, así como o estudo económico-financeiro. Nesta última fase, desenvolverase o anteproxecto da alternativa seleccionada de liñas a desenvolver inicialmente, no que se incluirán aspectos como as infraestruturas, instalacións e sistemas de explotación; tamén realizarase unha proposta para a integración e reordenación urbana.

A empresa adxudicataria disporá dun período de 30 meses para a materialización destes traballos dende a data na que se faga público o anuncio de adxudicación.

O obxectivo prioritario da Xunta é establecer un deseño tecnolóxico común para os metros lixeiros de Galicia, polo que se propiciará o aforro de escala no material móbil,a sinalización e dos elementos singulares da vía.

A Dirección Xeral de Mobilidade será a entidade que coordinará os novos estudos da Coruña, Santiago e Vigo e que todos estes sistemas integraranse no Ente Ferroviario de Galicia.

Cronograma
O pasado 25 de maio o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín presentou en Vigo nunha rolda de prensa para presentar o estudo de viabilidade e anteproxecto do metro lixeiro para a cidade e a súa área. Neste acto, o director xeral de Mobilidade sinalou que no primeiro semestre de 2011 a Xunta de Galicia presentará o estudo e o plan de rede do metro lixeiro de Vigo, que dará servizo a toda a área metropolitana, para posteriormente analizar as alternativas plantexadas e a súa viabilidade, así como redactar o anteproxecto de construción, explotación e estudo económico-financeiro, que estará listo no último trimestre de 2012.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas prevé que este proxecto conte cunha ampla participación pública, polo que se terán en conta as aportacións que poidan realizar os concellos implicados, e tamén se terán en conta as consideracións da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. Ademais, contarase cunha páxina web específica para interactuar cos axentes e cos cidadáns.