Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O GOBERNO GALEGO LICITA O PRIMEIRO ESTUDO DE VIABILIDADE E A REDACCIÓN DO ANTEPROXECTO DUN METRO LIXEIRO PARA SANTIAGO, QUE SERÁ METROPOLITANO DENDE O PRIMEIRO MOMENTO

Dende a Consellería de Medio Ambiente tamén se aposta por un deseño que ofreza servizos entre ámbitos especialmente significativos, como a Zona monumental e a Cidade da Cultura

Miguel Rodríguez Bugarín explica que a Xunta inicia a tramitación do estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro de Santiago, que mañá xoves sairá a licitación pública, a través do Diario Oficial da Unión Europea

O director xeral de Mobilidade incide na aposta do Goberno galego por potenciar un deseño tecnolóxico común para todos os metros lixeiros que se desenvolverán tamén nas cidades de A Coruña e Vigo

Santiago, 26 de maio de 2010.- O director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Galicia licitará mañá no Diario Oficial da Unión Europea o primeiro estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro para a área de Santiago, que será de ámbito metropolitano dende o seu primeiro momento. Aclarou que este proxecto está caracterizado pola intermodalidade, xa que se afinará unha solución técnica que permita potenciar a conexión do aeroporto de Lavacolla coa cidade, a área metropolitana e os sistema de transporte público de Galicia coas características técnicas que se deriven (plataforma reservada ou compartida parcialmente, vía sinxela ou dobre). Engadiu que tamén se analizará de xeito especial a viabilidade técnica e económica da conexión entre o aeroporto e a liña de Alta Velocidade do Eixo Atlántico.

Outro dos piares deste proxecto de mobilidade é que dará servizo entre ámbitos especialmente significativos de Santiago de Compostela, como a Zona Monumental e a Cidade da Cultura. Recordou que o Consorcio de Santiago, consciente das consecuencias derivadas da implantación da cidade da Cultura e da nova estación intermodal, encargou xa no 2007 un Estudo previo de alternativas técnicas de mobilidade para incluír no Plan Especial de Brañas de Sar. Aclarou que neste documento analizábanse as distintas posibilidades de implantación de medios de transporte público, co obxectivo de conectar a Cidade da Cultura coa Cidade Histórica e que se considerou como máis adecuada -dende o punto de vista funcional, eficiencia de transporte, orzamentaria e de impacto ambiental- a do metro lixeiro.

Aclarou que a tramitación deste proxecto iniciarase mañá xoves, coa licitación pública, a través do Diario Oficial da Unión Europea, do estudo de viabilidade e a redacción do anteproxecto do metro lixeiro de Santiago. Manifestou que no primeiro semestre de 2011 a Xunta de Galicia presentará o estudo e o plan de rede do metro lixeiro de Santiago, de ámbito metropolitano, para posteriormente analizar as alternativas plantexadas e a súa viabilidade e redactar o anteproxecto de construción e explotación, ademais do estudo económico-financeiro, que estará listo no último trimestre de 2012.

Miguel Bugarín aclarou que é desexo do Goberno galego que este proxecto conte cunha ampla participación pública, polo que se terán en conta as consideracións da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano, e de xeito particular, as aportacións que poidan realizar os concellos implicados. O representante da Consellería de Medio Ambiente sinalou que tamén se contará cunha páxina web específica para interactuar cos axentes e cos cidadáns.

O director xeral explicou que o novo estudo e anteproxecto do metro lixeiro de Santiago -ao igual que os que están en licitación neste momento para as áreas de Vigo e A Coruña- realizarase en tres fases. Na primeira concretaranse os estudos previos e o plan de rede, no que se incluirán todos os aspectos necesarios para a definición de obxectivos da rede, como: un estudo social, a conexión cos sistema de transporte existente, un diagnóstico do sistema de transporte para poder determinar as necesidades funcionais e configuración básica do novo sistema. Indicou que se fora necesario, realizarase unha avaliación Ambiental do Plan segundo o marcado pola Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

A segunda fase centrarase no estudo de viabilidade e alternativas, polo que se levará a cabo unha análise co fin de comparar e valorar as posibles opcións de desenvolvemento da rede e, por último, na terceira fase, redactarase o anteproxecto de construción e explotación, así como o estudo económico-financeiro. Explicou que neste punto da tramitación desenvolverase o anteproxecto da alternativa seleccionada de liñas a desenvolver inicialmente, no que se incluirán aspectos, como as infraestruturas, instalacións e sistemas de explotación; tamén realizarase unha proposta para a integración e reordenación urbana.

Segundo informou o director, a empresa adxudicataria disporá dun período de 30 meses para a materialización destes traballos e o importe de licitación é de 500.000 euros.

Deseño tecnolóxico común
Rodríguez Bugarín aclarou que a pretensión da Xunta é establecer un deseño tecnolóxico común para os metros lixeiros de Galicia, polo que se propiciará o aforro de escala no material móbil,a sinalización e dos elementos singulares da vía. Apuntou que a Dirección Xeral de Mobilidade será a entidade que coordinará os novos estudos da Coruña, Santiago e Vigo e que todos estes sistemas integraranse no Ente Ferroviario de Galicia.