Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

MEDIO AMBIENTE ANUNCIA QUE NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2011 PRESENTARÁ O ESTUDO E O PLAN DE REDE DO METRO LIXEIRO DE VIGO, QUE DARÁ SERVIZO A TODA A ÁREA METROPOLITANA

Dende a Consellería de Medio Ambiente tamén se aposta por un deseño que ofreza servizos entre ámbitos especialmente significativos, como a Zona monumental e a Cidade da Cultura

Miguel Rodríguez Bugarín explica que a Xunta inicia a tramitación do estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro de Santiago, que mañá xoves sairá a licitación pública, a través do Diario Oficial da Unión Europea

O director xeral de Mobilidade incide na aposta do Goberno galego por potenciar un deseño tecnolóxico común para todos os metros lixeiros que se desenvolverán tamén nas cidades de A Coruña e Vigo

Vigo, 25 de maio de 2010.- O director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, sinalou esta mañá que no primeiro semestre de 2011 a Xunta de Galicia presentará o estudo e o plan de rede do metro lixeiro de Vigo, que dará servizo a toda a área metropolitana, para posteriormente analizar as alternativas plantexadas e a súa viabilidade e redactar o anteproxecto de construción, explotación e estudo económico-financeiro, que estará listo no último trimestre de 2012.

Así o afirmou na rolda de prensa que ofreceu esta mañá en Vigo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, para presentar o estudo de viabilidade e anteproxecto do metro lixeiro para a cidade e a súa área. Aclarou que a tramitación deste proxecto iniciarase mañá mércores, coa licitación pública, a través do Diario Oficial da Unión Europea, do estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro de Vigo. Destacou o impulso que o Goberno galego quere dar a esta infraestrutura -ao conferirlle un ámbito metropolitano- fronte ao carácter urbano que se plantexaba no proxecto deseñado polo anterior Goberno. Manifestou que "non se trataba dun metro en sentido estrito, senón dun metro lixeiro cunha porcentaxe maior de trazado en túnel. Esta decisión supoñía incrementar os custos de construción, dificultando a viabilidade do conxunto do proxecto."

Bugarín cuestionou a prioridade que para o anterior executivo tivo o metro lixeiro, xa que licitou a redacción do estudo en abril de 2006 cun prazo de 7 meses, e non o someteu a información pública ata o 26 de marzo de 2009, case tres anos despois e cando xa estaban en funcións. Sinalou que foron anos perdidos porque, ademais, o plantexamento foi erróneo dende un principio "e non pode ser considerado como base para seguir avanzando no desenvolvemento dunha rede metropolitana de metro lixeiro da área de Vigo".

A actual Xunta pretende potenciar un sistema de transporte público na área metropolitana de Vigo que estará coordinado co resto da oferta de transporte público, e que permitirá combinarse con outras medidas relacionadas coa mobilidade, como a tarxeta do transporte metropolitano de Galicia ou a complementariedade cos aparcamentos disuasorios. Bugarín sinalou que a intermodalidade será unha peza clave na planificación do desenvolvemento do metro lixeiro.

Miguel Bugarín aclarou que é desexo do Goberno galego que este proxecto conte cunha ampla participación pública, polo que se terán en conta as aportacións que poidan realizar os concellos implicados, e tamén se terán en conta as consideracións da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. O representante da Consellería de Medio Ambiente sinalou que tamén se contará cunha páxina web específica para interactuar cos axentes e cos cidadáns.

O director xeral explicou que o novo estudo e anteproxecto do metro lixeiro de Vigo realizarase en tres fases. Na primeira concretaranse os estudos previos e o plan de rede, no que se incluirán todos os aspectos necesarios para a definición de obxectivos da rede, como: un estudo social, a conexión cos sistema de transporte existente, un diagnóstico do sistema de transporte para poder determinar as necesidades funcionais e configuración básica do novo sistema. Indicou que se fora necesario realizarase unha avaliación Ambiental do Plan segundo o marcado pola Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

A segunda fase centrarase no estudo de viabilidade e alternativas, polo que se levará a cabo unha análise co fin de comparar e valorar as posibles opcións de desenvolvemento da rede e, por último, na terceira fase redactarase o anteproxecto de construción e explotación, así como o estudo económico-financeiro. Explicou que neste punto da tramitación desenvolverase o anteproxecto da alternativa seleccionada de liñas a desenvolver inicialmente, no que se incluirán aspectos, como as infraestruturas, instalacións e sistemas de explotación; tamén realizarase unha proposta para a integración e reordenación urbana.

Segundo informou o director, a empresa adxudicataria disporá dun período de 30 meses para a materialización destes traballos e o importe de licitación é de 500.000 euros.

Limitacións do proxecto anterior
O director xeral de Mobilidade explicou as limitacións e carencias que presentaba o anterior modelo de metro lixeiro e afirmou que o estudo realizado non pode ser considerado coma base para seguir avanzando no desenvolvemento dunha rede metropolitana de metro lixeiro na área de Vigo. A modo de exemplo sinalou que o estudo de demanda baséase nunha modelización de redes moi completa, aínda que non se desenvolve un modelo que permita determinar, con suficiente rigor, as captacións e os crecementos de viaxeiros, polo que os datos do estudo son estimacións non axeitadamente fundamentadas.

Recordou que foi un proxecto licitado por 200.000 euros en abril de 2006 e finalmente foi adxudicado en agosto dese mesmo ano por 180.000 euros. O paso seguinte foi someter o estudo de viabilidade a información pública mediante unha resolución publicada no DOG o 26 de marzo de 2009.

Incidiu que, tal e como se establece no prego de prescricións técnicas particulares, o estudo do anterior equipo do departamento responsable das infraestruturas estaba restrinxido ao ámbito urbano de Vigo.

O trazado anterior
Miguel Rodríguez Bugarín aclarou que o radio mínimo de deseño habitual en metros lixeiros é de 35 metros e que as recomendacións técnicas suxiren radios de ata 25, mentres que no estudo desbotado o radio mínimo de curva é de 20 metros. En consecuencia, con radios tan baixos -aclarou Bugarín- prodúcense esforzos de inscrición en curvas maiores, polo que o nivel de ruído emitido será maior, así como o desgaste de carrís e rodas. Este feito implicaría un incremento nos custes de conservación. Tamén precisou que radios tan baixos impoñen un deseño especial nos vehículos, que os encarece.

Por outro lado, no relativo ás ramplas formúlanse ramplas superiores ás 80 milésimas (de ata 103) e aclarou que non adoitan admitirse ramplas maiores de 60 -80 milésimas. O sistema que se plantexaba para o metro lixeiro de Vigo requiriría dun deseño especial de vehículos, con motorización integral, máis caros.

Noutra orde de cuestións, o director xeral informou que debido ao trazado proposto, sería moi probable que os tramos subterráneos se acometeran con sistemas convencionais de escavación, feito que implica unha gran complexidade, tal e como especialmente sucedería o paso baixo na rúa Urzáiz.

Sobre as estacións e paradas, informou que no documento non se realizou un deseño específico para cada unha delas e que se entende que, para aquelas que se encontran pegadas ás vías de circulación disporíase unha plataforma central, polo que esta necesidade implicaría unha ampliación da plataforma e adaptación do trazado que non se reflectiu nos planos.
En relación co estudo económico, a valoración orzamentaria das actuacións previstas considérase de forma moi global, con macroprezos que non corresponden coa análise e co nivel de detalle do resto do estudo, polo que este feito revelaría unha valoración e cálculo de custes máis precisos.

O prezo de execución material (infraestruturas e cocheiras) sitúase no ámbito dos 400 millóns de euros, ao que habería que engadir o custo dos 17 trens iniciais (42,5 millóns de euros). Debe resaltarse que dos 400 millóns de euros do custo da infraestrutura, aproximadamente un 46% corresponde a obras subterráneas, feito que pon de manifesto o importante lastre que para este proxecto constitúe adoptar unha solución con unha lonxitude elevada de vía en túnel.

Deseño tecnolóxico común

Rodríguez Bugarín aclarou que a pretensión da Xunta é establecer un deseño tecnolóxico común para os metros lixeiros de Galicia, polo que se propiciará o aforro de escala no material móbil,a sinalización e dos elementos singulares da vía.

Apuntou que a Dirección Xeral de Mobilidade será a entidade que coordinará os novos estudos da Coruña, Santiago e Vigo e que todos estes sistemas integraranse no Ente Ferroviario de Galicia.