Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

MEDIO AMBIENTE LICITA MAÑÁ O ESTUDIO DE VIABILIDADE DO METRO LIXEIRO DA CORUÑA, QUE SERÁ DE ÁMBITO METROPOLITANO

Miguel Rodríguez Bugarín afirma que o estudo realizado non pode ser considerado, nin tecnicamente nin económicamente, coma base para seguir avanzando no desenvolvemento dunha rede metropolitana de metro lixeiro na área da Coruña, debido aos erros e carencias que presenta

Subliña que o modelo económico-financeiro é a parte máis deficiente do estudo e por iso a Xunta de Galicia decidiu realizar un novo

O departamento que dirixe Hernández contará co estudio de viabilidade a finais de primavera de 2011

O director xeral de Mobilidade e o delegado territorial da Xunta na Coruña presentaron esta mañá este proxecto de mobilidade para ac idade herculina

Santiago, 24 de maio de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sacará mañá a licitación pública, a través do Diario Oficial da Unión Europea, o estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro da Coruña, que será de ámbito metropolitano e non de carácter urbano, tal e como se plantexaba no proxecto deseñado polo anterior Goberno. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

Segundo manifestou Bugarín deste xeito potenciarase un sistema de transporte público na área metropolitana da Coruña, que estará coordinado cos servizos de bus,así como outras medidas relacionadas coa mobilidade, como a tarxeta do transporte metropolitano de Galicia ou a complementariedade cos aparcamentos disuasorios. Concretou que a intermodalidade será unha peza clave na planificación do desenvolvemento do metro lixeiro.

Manifestou que é desexo do Goberno galego que este proxecto conte cunha ampla participación pública, polo que se terán en conta as aportacións que poidan realizar os concellos implicados, e tamén se terán en conta as consideracións da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. O representante da Consellería de Medio Ambiente sinalou que tamén se contará cunha páxina web específica para interactuar cos axentes e cos cidadáns.

O director xeral explicou que o novo estudo e anteproxecto do metro lixeiro da Coruña realizarase en tres fases. Na primeira concretarase o estudo de viabilidade, coa definición do plan de rede e a selección dos corredores máis factibles. A segunda fase centrarase no anteproxecto e na última, pivotará sobre o estudo económico-financeiro. Segundo informou o director a empresa contará cun período de 30 meses para a materialización destes traballos e o importe de licitación é de 500.000 euros, polo que se multiplica por cinco o importe de licitación do Goberno anterior.

Limitacións de calado do proxecto anterior
Miguel Bugarín deu conta esta mañá dos erros e carencias que presentaba o anterior modelo de metro lixeiro e afirmou que o estudo realizado non pode ser considerado, nin tecnicamente nin económicamente, coma base para seguir avanzando no desenvolvemento dunha rede metropolitana de metro lixeiro na área da Coruña. Indicou que o modelo económico-financeiro é a parte máis deficiente do estudo e por iso a Xunta de Galicia decidiu realizar un novo.

Recordou que foi un proxecto licitado por 100.000 euros en xuño de 2006 e finalmente foi adxudicado en novembro dese mesmo ano por 89.500 euros. O paso seguinte foi someter o estudo de viabilidade a información pública mediante unha resolución publicada no DOG o 26 de marzo de 2009. Xustamente, o estudo económico define que os custes de investimento elévanse aos 12 millóns euros por quilómetro, cun 30% de urbanización, o que parece demasiado baixo, sobre todo tendo en conta que non se consideran partidas orzamentarias para a afección de servizos -salientou.

Lembrou que, tal e como se establece no prego de prescricións técnicas particulares, o estudo do anterior equipo do departamento responsable das infraestruturas estaba restrinxido ao ámbito urbano da Coruña. Non obstante, indicou que existe unanimidade ante o feito de que o proxecto de metro lixeiro da Coruña se debe estender cara a área metropolitana e incluso que no propio estudo se recoñece que os maiores problemas de conexión do tráfico na cidade da Coruña se producen nos accesos a esta.

Deficiencias do trazado
No relativo ao trazado, aclarou que no estudo desbotado pola actual Xunta estipúlanse tramos de vía única, como na Avenida de Navarra ou na Rúa Panaderas, que constitúen unha limitación na operatividade, limitando a capacidade da liña.

Outra das carencias detectadas está relacionada co radio mínimo de curva, xa que neste tipo de sistemas ferroviarios o recomendable é de 25 metros, mentres que no estudo declárase que o radio mínimo é de 20 metros, aínda que aclarou que no trazado proposto se trazaron curvas de 15 metros de radio. En consecuencia, con radios tan baixos -aclarou Bugarín- prodúcense esforzos de inscrición en curvas maiores, polo que o nivel de ruído emitido será maior, así como o desgaste de carrís e rodas: Este feito implicaría un incremento nos custes de conservación. Tamén precisou que radios tan baixos impoñen un deseño especial nos vehículos, que os encarece.

O director xeral da Consellería de Medio Ambiente explicou que outra das carencias do anterior proxecto é que non se aproveita a introdución do metro lixeiro para construír cidade, para mellorar a calidade das zonas por onde pasa, modificando a circulación e favorecendo a peatonalización. Como mostra desta falta de compromiso coa cidade, puntualizou que non se realizara ningún estudo de afección ao tráfico nin aos aparcadoiro no viario urbano.

Por último, indicou tamén se detectaron carencias en relación co sistema de transporte público, como cos intercambiadores, que están sen desenvolver tanto na estación de autobuses como na de ferrocarril; nin se tivo en conta a integración co sistema municipal de autobuses, xa que non se estudou o impacto da substitución dos autobuses polo metro lixeiro sobre a rede de transporte urbano.

Deseño tecnolóxico común
Rodríguez Bugarín aclarou que a pretensión da Xunta é establecer un deseño tecnolóxico común para os metros lixeiros de Galicia, polo que se propiciará o aforro de escala no material móbil,a sinalización e dos elementos singulares da vía.

Apuntou que a Dirección Xeral de Mobilidade será a entidade que coordinará os novos estudos da Coruña, Santiago e Vigo e que todos estes sistemas integraranse no Ente Ferroviario de Galicia.