Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A IMPLANTACIÓN DO NOVO TRANSPORTE METROPOLITANO PREVÉ 5,4 MILLÓNS DE DESPRAZAMENTOS ANUAIS NA ÁREA DE FERROL NO 2015, UN 66% MÁIS QUE NA ACTUALIDADE

Os concellos incluídos neste plan son Ferrol, Ares, Neda, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Pontedeume e Valdoviño, creando unha área metropolitana que beneficia a 170.000 persoas.

A tarxeta metropolitana social, tamén obxecto da reunión, establecerá importantes descontos co fin de acadar un equilibrio na política social e evitar posibles usos fraudulentos.

Ferrol, 10 de marzo de 2010.- O director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, presidiu esta mañá unha reunión da Comisión do novo Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol co fin de proceder ao peche definitivo das contas do ano 2009.

A Xunta de Galicia realizou unha achega de preto de 0,6 millóns de euros no exercicio 2009. Non obstante, o novo plan prevé un investimento para o periodo de 2010 a 2015 de 16 millóns de euros, dos que a Xunta aportará 9,2 millóns. En 2011, a aportación anual pasaría de 0,8 millóns a 2,5, triplicando así a inversión en transporte público.

A citada convocatoria pretende acadar luz verde no acordo institucional de todos os interlocutores da área de Ferrol para poñer en marcha todos os trámites para a sinatura do convenio que dará lugar ao novo plan. Así, a día de hoxe, trasladóuselle a todos os concellos tanto o texto do convenio como o anexo técnico que o acompaña.

Cómpre sinalar que a proposta provisional presentada esta mañá polo director xeral de Mobilidade sobre o novo plan contempla a oferta de 7 novos servizos dos que 3 son de interese municipal e 4 de interese metropolitano. Tamén se levarán a cabo actuacións de mellora e reordenación da área de Ferrol así como a aposta pola intermodalidade do transporte metropolitano coa inclusión dos servizos do FEVE.

As liñas propostas de interese municipal serían Ares-Mugardos Circular Oeste, Ares-Mugardos Circular Este e reordenar e mellorar as liñas da rede urbana de Ferrol. Por outra banda, as liñas de servizos de interese metropolitano (4) serían: Pontedeume-Cabanas-Fene-Ferrol, Circular da Ría, e Ferrol-Meirás-Valdoviño, e a Liña Marítima Ferrol-Mugardos.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas agarda que no 2015 se produzan uns 5,4 millóns de desprazamentos anuais empregando o sistema de transporte público. Deste xeito, o impacto esperado do plan na área ferrolana suporía incrementar o uso de transporte público en máis do 66%.

A implantación do novo plan beneficia aos concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Pontedeume, Neda e Valdoviño, mellorando a calidade de vida de preto de 170.000 euros.

Tarxetas metropolitanas sociais
Por outra parte, a búsqueda dun consenso institucional de cara á implementación das futuras Tarxetas Metropolitanas Sociais tamén foi obxecto da reunión. A tarxeta establecerá importantes descontos co fin de acadar un equilibrio na política social e evitar posibles usos fraudulentos. Os descontos enmárcanse no acordo entre todos os concellos e dentro das posibilidades orzamentarias actuais, reservando a gratuidade total para perfís cunha fonda necesidade social.

Plan de transporte metropolitano
A ampliación do novo Plan de Transporte Metropolitano ás sete principais cidades galegas beneficiará a 1,6 millóns de habitantes, é dicir, máis do doble da poboación que hoxe ten acceso aos servizos de transporte encadrados nos plan vixentes. Neste plan, mantense un perfil intermodal, xa que se integran os diferentes modos que existen en cada zona (autobús, tren, transporte de ría...).

O novo plan articúlase en torno a catro programas, dos que o primeiro é o Programa de Integración Tarifaria polo que o sistema tarifario actual se modifica pasando a un novo sistema basado en tarifas zonais. Cada área estará constituída por un ou varios concellos de forma que os veciños dun mesmo municipio terán as mesmas tarifas para os seus desprazamentos. Cabe citar que a bonificación dunha viaxe metropolitana é financiada nun 80% pola Xunta e o restante 20% é asumido polo concello. As viaxes urbanas nos concellos son financiados ao 100% polos municipios e as etapas consideradas como transbordo dentro dunha viaxe metropolitana son financiadas exclusivamente polo goberno galego.

En segundo lugar, o Programa de Integración Física ten como obxectivo incrementar a competitividade do transporte público, mellorando a conexión das redes urbanas e metropolitanas mediante a implementación de novos recorridos, puntos de parada e intercambios dentro da cidade.

En terceiro lugar, o Programa de Incremento da Oferta persigue a mellora da cobertura a través de novos servizos de interese muicipal, cuxa finalidade primordial é atender as demandas de mobilidade dentro dun concello, ou metropolitano, que serve a fluxos metropolitanos que afecten a varios municipios.

Finalmente, o Programa de Información e Infraestrutura pretende renovar e modernizar a infraestrutura e imaxe do sistema de transporte público así como mellorar a información dispoñible para o usuario. No que se refire a novas infraestruturas, situaranse novas marquesinas ou lugares de estacionamento.