Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

ACADASE UN ACORDO INSTITUCIONAL PARA A POSTA EN MARCHA DO NOVO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DA CORUÑA, QUE CONTARÁ CON 18 NOVAS RUTAS

O director xeral de Mobilidade reuniu esta mañá á Comisión de Seguimento de Transporte Metropolitano na área da Coruña.
O concello de Abegondo incorpórase a este novo plan, polo que a poboación beneficiaria ascende a preto de 400.000 persoas.
Tamén se abordou a necesidade de acadar un consenso institucional para implantar as futuras Tarxetas Metropolitanas Sociais.
Subliña que a Xunta de Galicia aportará un 74,5%, é dicir 20,5 millóns de euros para a implantación do Novo Transporte Metropolitano da Área da Coruña.
Explicou que o número de viaxes anuais interurbanos na área metropolitana actual é de 3 millóns e creceu dende o 2006 nun 25%.

A Coruña, 1 de marzo de 2010.- A Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano da Coruña acadou esta mañá un acordo institucional para a posta en marcha do Novo Plan de Transporte da área da Coruña, que contará con 18 novas rutas. O director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, aclarou nesta reunión que estas rutas, que complementarán as actuais, a metade serán de interese municipal e a metade restante de interese metropolitano.

A implantación do novo plan incorpora un novo concello, Abegondo que se une aos da Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada creando unha área metropolitana beneficiada que suma preto de 400.000 persoas.

A continuación especifícanse os novos servizos de interese municipal propostos (9 liñas): Cambre-Andeiro; Cambre-Polígono Espíritu Santo; Cambre-Meixigo; Gosende-Carral; Circular 1 e Circular 2 en Carral; O Burgo-Vilaboa; Lorbé-O Burgo; e Circular en Sada..

Tamén se establecen novos servizos de interese metropolitano (9 líñas), cuxas propostas son: Betanzos-Abegondo; Sada- San Cidre; Betanzos-Sada; Betanzos-San Cidre; A Coruña-A Mota (por polígonos industriais); A Coruña-Cambre; A Coruña-Carral (por Almeiras); A Coruña-Carballo-Oleiros; e A Coruña-Montrove-Oleiros.

Na reunión tamén se tratou a busca de consenso institucional de cara á implementación das futuras Tarxetas Metropolitanas Sociais, que supoñen un paso máis na evolución do futuro Plan de Transporte Metropolitano ao incorporar as políticas sociais ao transporte.

O novo plan prevé un investimento na Área da Coruña por parte das administracións públicas para o período 2010/ 2015 de preto de 27,5 millóns de euros, dos cales a Xunta de Galicia aportará un 74,5%, é dicir 20,5 millóns de euros.

Coa implantación do novo Transporte Metropolitano da Coruña os usos de transporte público incrementarase nun 52%. Segundo manifestou Rodríguez Bugarín, os estudos realizados confirman o impacto positivo deste novo plan na mobilidade. Concretamente, para a área da Coruña, espérase que no 2015 -con todos os programas previstos no novo Plan de Transporte Metropolitano- se produzan preto de 35 millóns de desprazamentos anuais utilizando o sistema de transporte público. Aclarou que se este plan non se puxese en marcha, o número de viaxes anuais estimados no sistema de transporte público sería de preto de 23 millóns de viaxes.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá ao longo de 2010 máis de 1,7 millóns de euros para o novo Plan de Transporte Metropolitano da área da Coruña. A nivel Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reserva unha cantidade de 12 millóns de euros para a posta en servizo do Novo Plan de Transporte Metropolitano nas sete grandes áreas urbanas de Galicia, polo que este orzamento é unha proba clara da vontade da Xunta para potenciar este sistema de mobilidade.

O representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas explicou que se está a traballar na implantación dun novo Plan de Transporte Metropolitano único e idéntico para as sete grandes áreas urbanas de Galicia. Deste xeito, os cidadáns terán exactamente as mesmas prestacións (billete único, transbordo gratuíto, tarificación zonal...), independentemente da área metropolitana na que vivan.

Peche de contas
Asemade, outros dos puntos que se abordou neste encontro foi o peche definitivo das contas do transporte metropolitano de 2009, no que as administracións investiron preto de 1,2 millóns de euros.

Explicou que as cifras presentadas determinan que o número de viaxes realizados na área medrou un 25% respecto do ano 2006, sen embargo esta cifra descende en 200.000 viaxes contabilizados, en relación do ano 2008. Este resultado é mellor do esperado, tendo en conta os datos que se rexistraron, en xeral, en toda España, caracterizados por un descenso dos usuarios do transporte público.

O transporte metropolitano
A idea de implementar un Plan de Transporte Metropolitano en Galicia orixinouse no ano 2003 e comezou a materializarse a partir do ano 2005 coa firma de Convenios de colaboración interadministrativos con tres áreas de transporte metropolitano: Ferrol (convenio asinado o 1 de febreiro de 2005), A Coruña (convenio asinado o 2 de marzo de 2005) e Santiago de Compostela (asinado o 12 de maio de 2006). O obxectivo fundamental dos Plans de Transporte Metropolitanos é mellorar a competitividade do sistema de transporte público colectivo, nunha clara aposta polo fomento da mobilidade sustentable.

A intervención das Administracións Públicas queda xustificada pola existencia de importantes economías externas como consecuencia da promoción dos modos colectivos. O plan materializouse coa implantación dunha tarxeta única para todas as áreas: a tarxeta do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG). Na actualidade máis do 60% dos desprazamentos realizados en medios de transporte público metropolitano nas áreas onde funciona contan con desconto. Outra das ferramentas importantes foi a definición de novas liñas municipais.

Novos obxectivos
O obxectivo principal é ampliar o Novo Plan de Transporte Metropolitano ás sete principais aglomeracións urbanas de Galicia, o que beneficiará a 1,6 millóns de cidadáns, é dicir, máis do dobre da poboación que neste momento ten acceso aos servizos de transporte encadrados nos plans vixentes. As estimacións da Xunta son que no ano 2015 se realicen 126,1 millóns de desprazamentos en transporte público, co que o resultado esperado é incrementar en máis dun 90% o seu uso. Cómpre sinalar que a resposta por parte da cidadanía sobre os plans de mobilidade foi positiva, pero hai que seguir avanzando nos obxectivos de mellora.

Así, establécense dúas liñas diferentes de actuación. Por unha banda, a extensión do modelo ao resto das áreas metropolitanas de Galicia, e por outro lado, proseguir no desenvolvemento do plan de transporte, ofrecendo novos beneficios aos cidadáns que non poden brindarse, fundamentalmente por limitacións técnicas do actual sistema, no marco dos plans actuais.

Catro programas de actuación
O novo Plan de Transporte Metropolitano articúlase ao redor de 4 programas. O primeiro é o Programa de Integración Tarifaria. O sistema tarifario actual modifícase pasando a un novo sistema baseado en tarifas zonais, sen que este cambio supoña un encarecemento dos servizos cara aos usuarios.

Así, cada zona tarifaria estará constituída por un ou varios concellos, de tal forma que os veciños dun mesmo concello terán as mesmas tarifas para os seus desprazamentos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento. Trátase dun sistema contrastado e que está en funcionamento en territorios de características polinucleares como o de Galicia (por exemplo, Holanda, Asturias ou a Baía de Cádiz).

As bonificacións en cada billete son cofinanciadas polas diferentes administracións, polo que -a modo de exemplo- unha viaxe metropolitana é financiada nun 80% pola Xunta de Galicia e o 20% restante polos concellos orixe e destino (salvo no caso de que un deles sexa o concello cabeceira ou principal de cada área) ou as viaxes urbanas nos concellos cabeceira son financiados ao 100% por devanditos concellos.

O segundo é o Programa de Integración Física, cuxo obxectivo é incrementar a competitividade do transporte público mellorando a conexión das redes urbana e metropolitana. Para iso, implantaranse novos percorridos, puntos de parada e intercambiadores dentro da cidade. A finalidade é aumentar a funcionalidade do sistema, mellorando, en consecuencia, a competitividade do transporte público no seu conxunto.
O Programa de Incremento da Oferta persegue a mellora da cobertura do sistema de transporte a través da implantación de novos servizos ou intensificando outros xa existentes. Os novos servizos xorden a petición dos concellos, tratándose dun programa voluntario. Estes novos servizos son catalogados como Servizos de Interese Municipal e Servizos de Interese Metropolitano.

No caso dos primeiros son aquelas liñas cuxa funcionalidade principal é a de atender demandas de mobilidade dentro dun concello. O déficit destes servizos é soportado ao 100% polo concello que os solicita; mentres que os Servizos de Interese Metropolitano, son liñas cuxa funcionalidade principal é a de atender fluxos metropolitanos, que afecten a varios concellos. O déficit destes servizos é soportado nun 80% pola Xunta de Galicia e o 20% restante entre os concellos solicitantes.

O último dos programas do Plan de Transporte Metropolitano é o Programa de Información e Infraestrutura. O obxectivo deste programa é renovar e modernizar a infraestrutura e imaxe do sistema de transporte público así como tamén mellorar a información dispoñible para o usuario.

Documento/s relacionados