Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA RECIBE DOS ALCALDES A PROPOSTA DOS PERFÍS SOCIAIS QUE SE INTEGRARÁN NA TARXETA DO TRANSPORTE METROPOLITANO DE SANTIAGO

A Comisión de Seguimento de Transporte Metropolitano na área de Santiago reuniuse esta mañá para validar definitivamente o acordo institucional que senta as bases desta modalidade de transporte ata o 2015.
Os perfis sociais da tarxeta de transporte metropolitana terán un carácter homoxéneo en todos os concellos da área logo do acordo entre todos eles.

Santiago, 22 de febreiro de 2010.- A Xunta de Galicia recibiu esta mañá a proposta dos perfís sociais que se integrarán na tarxeta do transporte metropolitano de Santiago, e que será común para todos que asinan o novo Plan de Transporte Metropolitano de Santiago. A Comisión de Seguimento de Transporte Metropolitano na área de Santiago avanzou outro paso máis para a implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, coa finalidade de implementar o transporte metropolitano en xuño de 2010.

Na reunión celebrada esta mañá, e presidida polo director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, validouse definitivamente o acordo institucional, polo que se sentan as bases desta modalidade de transporte ata o ano 2015.

Na reunión presentouse á Xunta o consenso dos concellos do contorno de Santiago, relativo aos perfís sociais da nova tarxeta. Deste xeito, as persoas empadroadas e con residencia efectiva neste concellos poderían dispor de tarxetas sociais co seguintes perfís: tarxeta social para maiores de 65 anos, para persoas con discapacidade igual ou superior ao 65%, estudantes matriculados en centros recoñecidos oficialmente e un cuarto perfil, segundo o que acorden os respectivos servizos sociais de cada concellos para as persoas en situación de risco de exclusión social. A modo de exemplo, os maiores de 65 anos terán un desconto dun 50% nun máximo de 20 viaxes.

Cómpre indicar que os concellos amosaron a súa vontade de unificar criterios na súa aplicación, de xeito que -unha vez establecida as bases e as características comúns a aplicar polos distintos concellos aos colectivos beneficiarios-, os cidadáns perciban desde o primeiro momento os importantes beneficios don novo plan dun xeito integral en todo o territorio con independencia do lugar de residencia.

 

Seguinte avance
O director xeral de Mobilidade destacou que o seguinte paso é iniciar o trámite administrativo do convenio, fito que marca o da fase administrativa que culminará coa firma do convenio. Nesta liña todos os concellos teñen xa o texto do convenio e do anexo técnico coa finalidade de iniciar a súa tramitación administrativa e poder asinalo nun corto prazo.

Obxectivos en Santiago
Dende a Xunta de Galicia defendese este proxecto de transporte metropolitano porque se pretende que estes incrementos sexan aínda máis importantes e se acaden cifras que amosen claramente un aumento do número de viaxeiros en todas as áreas nas que se vai aplicar o novo Plan.

No caso de Santiago, coa implantación do novo Transporte Metropolitano na área de Santiago os usos de transporte público incrementarase nun 75%. Cómpre recordar que o Novo Plan de Transporte Metropolitano da área de Santiago de Compostela integraranse os concellos que actualmente participan no Plan actual (Ames, Boqueixón, Brión, Santiago, Oroso, Teo, Val do Dubra e Vedra), xunto coas incorporacións do Pino, Touro e Trazo.

Os estudos realizados confirman o impacto positivo deste Novo Plan na mobilidade baseada no uso do transporte público. Concretamente, para a área de Santiago de Compostela, espérase que no 2015 -con todos os programas previstos no novo Plan de Transporte Metropolitano- se produzan preto de 14,4 millóns de desprazamentos anuais utilizando o sistema de transporte público.

Se este plan non se puxese en marcha, o número de viaxes anuais estimados no sistema de transporte público sería de preto de 8,3 millóns de viaxes, co que o impacto esperado do plan na área suporía incrementar o uso de transporte público en preto dun 75%.

Dotación orzamentaria
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá ao longo de 2010 máis de 1,2 millóns de euros para o novo Plan de Transporte Metropolitano da área de Santiago. A nivel Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reserva unha cantidade de 12 millóns de euros para a posta en servizo do Novo Plan de Transporte Metropolitano nas sete grandes áreas urbanas de Galicia, polo que este orzamento é unha proba clara da vontade da Xunta para potenciar este sistema de mobilidade.