Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DA ÁREA DE LUGO PREVÉ INCREMENTAR NUN 54% OS USOS DO TRANSPORTE PÚBLICO

Espérase que, con todos os programas previstos do novo Plan de Transporte para a área de Lugo, ata 2015 se produzan preto de 3,7 millóns de desplazamentos anuais.
Neste proxecto de mobilidade integraríanse os concellos de Lugo, Castroverde, Castro de Rei, Rábade, Outeiro de Rei, Friol, O Corgo e Guntín, beneficiando a unha poboación de máis de 120.000 persoas.
O obxectivo principal é ampliar o Novo Plan de Transporte Metropolitano ás sete principais aglomeracións urbanas de Galicia, o que beneficiará a 1,6 millóns de cidadáns, é dicir, máis do dobre da poboación que neste momento ten acceso aos servizos de transporte encadrados nos plans vixentes.
Os novos Plans de Transporte Metropolitano están formados por catro programas de actuación: Programa de Integración Tarifaria, de Integración Física, de Incremento da Oferta e, por último, o de Información e Infraestrutura.

Santiago, 22 de decembro de 2009.- O director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, acompañado pola delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, asistiu esta mañá a unha reunión co fin de xestionar a implantación do transporte metropolitano en Lugo. Tamén estiveron presentes representantes dos concellos beneficiados: Lugo, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Guntín, Castroverde e Rábade.

O novo Plan de Transporte Metropolitano da área de Lugo suporá un incremento dun 54% o uso do transporte público nesta área de influencia. A previsión que manexan os responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é poñer en marcha este servizo público para a área de Lugo no terceiro trimestre de 2010. Concretamente, para a área de Lugo espérase que no ano 2015 -con todos os programas previstos do novo Plan- se produzan preto de 3,7 millóns de desprazamentos anuais, mentres que se este programa de mobilidade non se puxera en marcha, o número de viaxes anuais estimados sería de 2,4 millóns.

Estas son as previsións e obxectivos que se marca a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, despois de analizar os resultados dos estudos realizados, para a definición e planificación do novo Plan de Mobilidade para esta zona da provincia lucense. No Novo Plan de Transporte Metropolitano da área de Lugo integraríanse os concellos de Lugo, Castroverde, Castro de Rei, Rábade, Outeiro de Rei, Friol, O Corgo e Guntín, beneficiando a unha poboación de máis de 120.000 persoas.

Dende o departamento que dirixe Agustín Hernández subliñase que estes estudos tamén establecen a contía dos fondos que desde cada administración deberán achegarse para o sostemento do Novo Plan. A administración galega aportará no vindeiro ano máis de 185.000 euros para os programas de integración tarifaria e mellora da oferta e 200.000 euros para a mellora de marquesiñas e postes de parada, dous programas previstos para a área de Transporte Metropolitano de Lugo.

O transporte metropolitano
A idea de implementar un Plan de Transporte Metropolitano en Galicia orixinouse no ano 2003 e comezou a materializarse a partir do ano 2005 coa firma de Convenios de colaboración interadministrativos con tres áreas de transporte metropolitano: Ferrol (convenio asinado o 1 de febreiro de 2005), A Coruña (convenio asinado o 2 de marzo de 2005) e Santiago de Compostela (asinado o 12 de maio de 2006). O obxectivo fundamental dos Plans de Transporte Metropolitanos é mellorar a competitividade do sistema de transporte público colectivo, nunha clara aposta polo fomento da mobilidade sustentable.

A intervención das Administracións Públicas queda xustificada pola existencia de importantes economías externas como consecuencia da promoción dos modos colectivos. O plan materializouse coa implantación dunha tarxeta única para todas as áreas: a tarxeta do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG). Na actualidade máis do 60% dos desprazamentos realizados en medios de transporte público metropolitano nas áreas onde funciona contan con desconto. Outra das ferramentas importantes foi a definición de novas liñas municipais.

Novos obxectivos
O obxectivo principal é ampliar o Novo Plan de Transporte Metropolitano ás sete principais aglomeracións urbanas de Galicia, o que beneficiará a 1,6 millóns de cidadáns, é dicir, máis do dobre da poboación que neste momento ten acceso aos servizos de transporte encadrados nos plans vixentes. As estimacións da Xunta son que no ano 2015 se realicen 126,1 millóns de desprazamentos en transporte público, co que o resultado esperado é incrementar en máis dun 90% o seu uso. Cómpre sinalar que a resposta por parte da cidadanía sobre os plans de mobilidade foi positiva, pero hai que seguir avanzando nos obxectivos de mellora.

Así, establécense dúas liñas diferentes de actuación. Por unha banda, a extensión do modelo ao resto das áreas metropolitanas de Galicia, e por outro lado, proseguir no desenvolvemento do plan de transporte, ofrecendo novos beneficios aos cidadáns que non poden brindarse, fundamentalmente por limitacións técnicas do actual sistema, no marco dos plans actuais.

Catro programas de actuación
O novo Plan de Transporte Metropolitano articúlase ao redor de 4 programas. O primeiro é o Programa de Integración Tarifaria. O sistema tarifario actual modifícase pasando a un novo sistema baseado en tarifas zonais, sen que este cambio supoña un encarecemento dos servizos cara aos usuarios.
Así, cada zona tarifaria estará constituída por un ou varios concellos, de tal forma que os veciños dun mesmo concello terán as mesmas tarifas para os seus desprazamentos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento. Trátase dun sistema contrastado e que está en funcionamento en territorios de características polinucleares como o de Galicia (por exemplo, Holanda, Asturias ou a Baía de Cádiz).

As bonificacións en cada billete son cofinanciadas polas diferentes administracións, polo que -a modo de exemplo- unha viaxe metropolitana é financiada nun 80% pola Xunta de Galicia e o 20% restante polos concellos orixe e destino (salvo no caso de que un deles sexa o concello cabeceira ou principal de cada área) ou as viaxes urbanas nos concellos cabeceira son financiados ao 100% por devanditos concellos.

O segundo é o Programa de Integración Física, cuxo obxectivo é incrementar a competitividade do transporte público mellorando a conexión das redes urbana e metropolitana. Para iso, implantaranse novos percorridos, puntos de parada e intercambiadores dentro da cidade. A finalidade é aumentar a funcionalidade do sistema, mellorando, en consecuencia, a competitividade do transporte público no seu conxunto.

O Programa de Incremento da Oferta persegue a mellora da cobertura do sistema de transporte a través da implantación de novos servizos ou intensificando outros xa existentes. Os novos servizos xorden a petición dos concellos, tratándose dun programa voluntario. Estes novos servizos son catalogados como Servizos de Interese Municipal e Servizos de Interese Metropolitano. No caso dos primeiros son aquelas liñas cuxa funcionalidade principal é a de atender demandas de mobilidade dentro dun concello. O déficit destes servizos é soportado ao 100% polo concello que os solicita; mentres que os Servizos de Interese Metropolitano, son liñas cuxa funcionalidade principal é a de atender fluxos metropolitanos, que afecten a varios concellos. O déficit destes servizos é soportado nun 80% pola Xunta de Galicia e o 20% restante entre os concellos solicitantes.

O último dos programas do Plan de Transporte Metropolitano é o Programa de Información e Infraestrutura. O obxectivo deste programa é renovar e modernizar a infraestrutura e imaxe do sistema de transporte público así como tamén mellorar a información dispoñible para o usuario.