CIV

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA E OS CONCELLOS ACORDAN POR EN MARCHA A PRIMEIRA FASE DO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DA ÁREA DE OURENSE

- A Consellería de Medio Ambiente mantén a súa vontade de colaboración co concello de Ourense para incorporar os servizos urbanos ao Plan
- Con esta implantación progresiva do Plan adiántanse os beneficios para os cidadáns, que terán acceso á maioría das vantaxes das que agora gozan os veciños da Coruña, Santiago ou Ferrol
- O director xeral de Mobilidade afirma que os traballos para a implantación efectiva do Plan empezarán de inmediato, e paralelamente tamén continuarán as reunións co Concello de Ourense na procura dun acordo para a integración do transporte urbano

Ourense, 26 de marzo de 2012.- O director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, invitou esta mañá aos responsables dos concellos que integran a área do plan do transporte metropolitano de Ourense a incorporarse a este proxecto, que inclúe descontos de ata un 40% para os usuarios e que serán efectivos a partir do segundo semestre deste mesmo ano. Cómpre lembrar que os concellos da área son ademais da capital, Ourense, os limítrofes de Amoeiro, Barbadás, Coles, Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén. Así o explicou o director xeral na reunión celebrada esta mañá na que se acordou iniciar de xeito inmediato os trámites para implantar unha primeira fase do novo Plan de Transporte Metropolitano en Ourense.

Na reunión, o Concello de Ourense manifestou a necesidade de organizar unha comisión técnica bilateral Xunta - Concello, co fin de abordar diversas cuestións relacionadas coa implantación do Plan na cidade. O concello de Ourense non se sumará ao Plan de Transporte Metropolitano ata que as devanditas cuestións queden resoltas.

Na reunión, o director xeral de Mobilidade propuxo traballar en dous eixes paralelos. Por unha parte, implantarase o Plan de Transporte Metropolitano no resto dos concellos da Área. Os efectos desta actuación traduciranse nuns importantes descontos aos usuarios do transporte público nos devanditos concellos, así como a posta en marcha de novos servizos de transporte.

Por outra parte, volverase establecer unha mesa técnica entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, tal e como xa se fixo dende o 2009, para tratar de que Ourense poida incorporarse ao Plan mesmo nesta primeira fase. Deste xeito, dende a Xunta enténdese que con esta implantación progresiva do Plan adiántanse os beneficios que para os cidadáns representa esta actuación, mentres se segue buscando o acordo co Concello de Ourense.

Aclarou que o paso máis inmediato será a concreción dos termos do novo convenio de colaboración, que deberá ratificarse polos plenos dos respectivos concellos, un trámite que podería estar completado no mes de xuño.

Rodríguez Bugarín sinalou que unha vez que se conte con esta aprobación se iniciará a fase técnica, na que se porá a punto o sistema de cancelación da nova tarxeta metropolitana. Nesta fase se cotexará a validez e a operatividade das máquinas canceladoras, unha fase na que poden presentarse problemas técnicos, aínda que tendo en conta que se trata da quinta experiencia, as incidencias solventaranse con máis rapidez, destacou.

A implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano na Área de Ourense é posible grazas á decisión do Goberno galego e dos concellos da coroa metropolitana de por en práctica no menor prazo posible o Programa de Integración Tarifaria, ofrecendo así aos cidadáns a oportunidade de aforro que leva consigo o citado programa. Os usuarios do plan beneficiaranse da subvención das tarifas, transbordo bonificado entre os modos integrados na área ou o desconto por recorrencia (devolverase o 15% do abonado a aqueles viaxeiros que fagan máis de 40 viaxes nun mes). Reiterou que estas bonificacións son as mesmas que, na actualidade, están a acollerse os cidadáns das áreas da Coruña, Santiago e Ferrol e, proximamente, de Lugo.

Paralelamente, poderán establecerse novos servizos de transporte que, partindo dos concellos da Área, contribúan a resolver as actuais demandas de mobilidade. Neste sentido, a integración dos actuais servizos interurbanos e a súa interacción co sistema de transporte urbano serán as mesmas que na actualidade, ata que se acade un acordo co Concello de Ourense, salientou Bugarín. Tamén incidiu en que a Consellería de Medio Ambiente mantén a súa vontade de colaboración e coordinación co concello de Ourense para incorporar os servizos urbanos o máis axiña posible.

O PTM de Ourense
A área de transporte metropolitano de Ourense ten unha poboación beneficiaria de máis de 135.000 habitantes que verán melloradas as súas posibilidades de mobilidade co novo plan. As melloras están plantexadas tanto entre os concellos da área mediante servizos de interese metropolitano como dentro de cada municipio, que no caso da capital tamén implicará melloras no servizo urbano.

O convenio entre a Xunta de Galicia e os municipios participantes prevé un investimento en promoción e mellora da rede de transporte de 6,5 millóns de euros ata o ano 2015. Cabe citar que 5,3 millóns son aportados polo Goberno galego e a porcentaxe restante polos concellos ourensáns.

A aplicación do novo plan pretende que no ano 2015 o número de viaxes ascenda a 8,8 millóns fronte aso 6,9 que se obterían se non se produce ningunha actuación, é dicir, búscase un crecemento do transporte público de máis do 28%. Este aumento tentará evitar a evolución negativa dos últimos anos na competitividade do transporte colectivo, perda que faría que no 2015 a cifra de desprazamentos descendera ata 6,9 millóns de viaxes, un 4,2% menos que na actualidade.