CIV

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Preguntas máis frecuentes

Bonificación por recorrencia

A bonificación por recorrencia aplicarase cando se realicen 41 ou máis viaxes metropolitanas no mes natural. Así, a finais do mes seguinte, porase a disposición da persoa beneficiaria a devolución do 15 % do importe consumido no mes no que se xere o dereito. A persoa beneficiaria debe inserir a tarxeta nos caixeiros da entidade bancaria colaboradora (ABANCA) e aceptar a recarga.

O prazo de caducidade para a aceptación da recarga é de 2 meses.

Así, se no mes de marzo se realizan 45 viaxes de 0 ou 1 saltos (0,85 euros), cando se recargue a tarxeta a finais de abril aboarase 5,74 euros.

Qué pasa co TRANSBORDO se viaxa máis dunha persoa coa mesma tarxeta?

No caso de que máis dunha persoa desexe realizar unha mesma viaxe e pagar cunha única tarxeta metropolitana, para beneficiarse do transbordo é necesario que, en cada unha das etapas da viaxe, se adquiran BILLETES MÚLTIPLES (un único billete para todas as persoas que viaxan).

No caso de que adquiran nas distintas etapas billetes sinxelos (un billete independente por cada unha das persoas que viaxan), só se aplicará o transbordo a un dos viaxeiros.

No caso de que adquiran billetes sinxelos nunha das etapas e despois billetes múltiples, NON se aplicará o transbordo.

Cal é a recarga mínima e a máxima de xeito xeral e por día?

A recarga diaria mínima é de 5 euros (en múltiplos de 5) e a recarga diaria máxima de 60 euros.O saldo máximo permitido en tarxeta é de 180 euros.

Onde podo consultar as tarifas vixentes?

Na seguinte ligazón pódense consultar as tarifas vixentes.

Custo da tarxeta

O custo da tarxeta é de 2 euros, con independencia de que se soliciten varias para membros dunha mesma familia. A súa obtención é inmediata.

E se rompo ou perdo a miña tarxeta?

No caso de que a tarxeta se rompa, o usuario deberá solicitar unha nova. Neste caso, se a rotura é por mor do mal uso do usuario ou transcorreron 2 ou máis anos dende a data de emisión da tarxeta, cobrarase a comisión de 2 euros.

No caso de que a tarxeta se perda ou extravíe, o saldo dispoñible na tarxeta non se poderá recuperar, polo que a tarxeta poderá seguir sendo usada ata esgotar o saldo da mesma. Poderase solicitar o bloqueo da tarxeta extraviada para non efectuar recargas na mesma, pero non se poderá evitar que o saldo da devandita tarxeta sexa usado nos autobuses ata esgotalo.

Cando non bonifican o transbordo?

Non se xera o dereito á bonificación do transbordo nos seguintes supostos:

  • Pagamento en efectivo.

  • Se a segunda etapa da viaxe é de volta. Por exemplo, viaxe de Santiago de Compostela a Milladoiro, estamos ante unha viaxe dun salto que custa 0,84 euros e que ten fixado un tempo para o transbordo de 60 minutos. Se non pasa ese tempo e se realiza viaxe de volta de Milladoiro a Santiago, debe abonarse o prezo doutra viaxe, é dicir, 0,85 euros.

EXEMPLOS RELATIVOS Á BONIFICACIÓN POR TRANSBORDO:

Viaxe de Val do Dubra a Boqueixón (2 saltos, prezo 1,30): pola viaxe de Val do Dubra a Santiago de Compostela (Vista Alegre) descóntase no cartón 0,85 euros (viaxe 1 salto). Cóllese un urbano (desconto 0,00 euros no cartón) e despois un metropolitano con destino a Boqueixón, nese caso, o viaxeiro tería que pagar nese momento 0,45 euros (diferenza entre o que custa a viaxe, 1,30, e o xa abonado na primeira parte do traxecto, 0,85).

Consulta do saldo da tarxeta metropolitana

O saldo da tarxeta pode consultarse nos caixeiros da entidade bancaria colaboradora (ABANCA).

É a Tarxeta Metropolitana de Galicia unha tarxeta persoal e intransferible?

Cada tarxeta vai vinculada á persoa que a solicita, pero non ten carácter nominativo. Así, o solicitante da tarxeta é responsable desta, pero pode prestarlla a outras persoas.

Pódese utilizar a tarxeta para pagar tamén a viaxe doutra persoa?

Si, pódese facer. No caso de que máis dunha persoa desexe realizar unha mesma viaxe e pagar cunha única tarxeta metropolitana, para beneficiarse do transbordo é necesario que, en cada unha das etapas da viaxe, se adquiran BILLETES MÚLTIPLES (un único billete para todas as persoas que viaxan).

No caso de que adquiran nas distintas etapas billetes sinxelos (un billete independente por cada unha das persoas que viaxan), só se aplicará o transbordo a un dos viaxeiros.

No caso de que adquiran billetes sinxelos nunha das etapas e despois billetes múltiples, NON se aplicará o transbordo.

Caducidade da tarxeta

A tarxeta metropolitana non ten data de caducidade.

Que pasa se a miña tarxeta é defectuosa?

Os dous primeiros anos pódese substituir gratuitamente nas oficinas de ABANCA  distribuidoras da tarxeta. Pasados os dous anos, ou se o defecto da tarxeta se debe a un uso incorrecto da mesma, deberase aboar o importe dunha tarxeta nova.

Pódese solicitar máis dunha tarxeta metropolitana?

Si, pódese facer.

Pódese adquirir a tarxeta metropolitana en calquera oficina de ABANCA?

En cada área hai habilitada unha rede de oficinas de distribución. Na seguinte ligazón pódese consultar a rede de oficinas distribuidoras.

Cales son as principais novidades do novo Plan de Transporte Metropolitano de Galicia?

O novo Plan de transporte metropolitano leva consigo importantes vantaxes para as persoas usuarias:

  • Cun único medio de pagamento (TARXETA METROPOLITANA)poderase pagar tanto o autobús urbano coma o metropolitano en todas as ATM de Galicia. Do mesmo xeito tamén se pode empregar para outros modos de transporte integrados (exemplo: Renfe Operadora na ATM de Ferrol).

  • Novo sistema tarifario zonal. Xa non se paga por quilómetros, senon en función do número de "saltos" que teña a viaxe. Na seguinte ligazón recóllese información relativa a cada área de transporte metropolitano en funcionamento. Así pódense consultar os "mapas zonais" (mapas que indican cantas zonas de transporte hai en cada área e que concellos abranguen). En primeiro lugar, débese mirar cantos "saltos" (paso dunha zona de transporte a outra) ten a viaxe. Para iso, cada zona ten unha denominación. Na táboa 1, verase cantos "saltos" ten a viaxe. Na táboa 2 pódese consultar canto custa a viaxe en función dos saltos e en función de se paga en metálico ("billete sinxelo") ou coa Tarxeta Metropolitana. O novo sistema supón un aforro significativo no prezo das viaxes.

  • Os transbordos están bonificados: en función do número de "saltos" que teña a viaxe, disponse dun tempo determinado (a información figura na web) para subir noutros autobuses (urbanos ou metropolitanos) sen necesidade de pagar máis do que custa a viaxe. É dicir, se para ir ó destino non hai unha liña directa (coller máis dun autobús) a viaxe non custará máis. Así, se por exemplo, a viaxe é de 1 salto, e para chegar ó destino hai que subir en 2 autobuses, a viaxe custará 0,85 euros, sempre e cando se cambie de autobús no marco temporal de 60 minutos (unha hora). Pódese consultar máis exemplos das diferentes áreas.

Bonificación por recorrencia: A bonificación por recorrencia aplicarase cando se realicen 41 ou máis viaxes metropolitanas no mes natural. Así, a finais do mes seguinte, porase a disposición da persoa beneficiaria a devolución do 15 % do importe consumido no mes no que se xere o dereito. A persoa beneficiaria debe inserir a tarxeta nos caixeiros da entidade bancaria colaboradora (ABANCA) e aceptar a recarga.

O prazo de caducidade para a aceptación da recarga é de 2 meses.

Así, se no mes de marzo se realizan 45 viaxes de 0 ou 1 saltos (0,85 euros), cando se recargue a tarxeta a finais de abril aboarase 5,74 euros.

Pódese empregar indistintamente a tarxeta nas ATM implantadas?

Si, pódese empregar a tarxeta en tódalas áreas nas que estea implantado o novo plan.

Que é un "salto"?

Un salto é un paso dunha zona de transporte a outra.

Na seguinte ligazón recóllese información relativa a cada área de transporte metropolitano. Así pódese consultar os "mapas zonais" (mapas que indican cantas zonas de transporte hai en cada área e qué concellos abranguen). Na táboa 1, verase cantos "saltos" ten a viaxe.

Que tempo se dispón para o transbordo bonificado?

O tempo para realizar o transbordo bonificado depende do número de saltos entre zonas de transporte que teña a viaxe. Así:

Canto tempo teño para realizar o transbordo de xeito bonificado coa tarxeta metropolitana de Galicia?

Saltos
Tempo permitido
0
60 minutos
1
60 minutos
2
75 minutos
3
90 minutos
4
90 minutos
5
90 minutos
6
90 minutos
7
90 minutos

 

Se por exemplo, a viaxe é de 1 salto, e para chegar ó destino hai que subir en 2 autobuses, a viaxe custará 0,85 euros, sempre e cando se cambie de autobús no marco temporal de 60 minutos (unha hora). Pódese consultar máis exemplos das diferentes áreas.

Tratamento da tarxeta

Non é aconsellable achegar a tarxeta a carón do móbil. Débese procurar non levar a tarxeta en lugares nos que se poida dobrar, aínda que sexa pouco. Na seguinte ligazón  pódense consultar as instrucións sobre o tratamento da tarxeta.

 

Imaxe que mostra omo usar a túa tarxeta de transporte metropolitano

Onde ou ante quen se poderá cursar unha reclamación / queixa sobre o funcionamento do transporte metropolitano?; E comunicar unha incidencia ou formular unha suxestión?

Pódense formular as queixas ou suxestións a través do enlace habilitado a estes efectos na páxina web ou ben a través do correo electrónico do transporte metropolitano tmg@xunta.es. Serán atendidas á maior brevidade posible.

Os problemas de funcionamento da tarxeta seran resoltos nas oficinas de ABANCA.