Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

LUGO E A SÚA ÁREA CONTARÁN POR PRIMEIRA VEZ CON TRANSPORTE METROPOLITANO, QUE SUPORÁ O ABARATAMENTO DO BILLETE, OS TRANSBORDOS GRATUÍTOS E A TARXETA ÚNICA METROPOLITANA

O investimento da Xunta de Galicia será de máis de 1,3 millóns de euros que serán distribuídos no período comprendido entre o 2010 e o 2015.

Os concellos adscritos neste convenio son: Lugo, Castro de Rei, Castroverde, Friol, Guntín, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade.

O novo Plan de Transporte Metropolitano de Lugo (PTM) terá seis novas liñas; tres de interese municipal e tres de interese metropolitano.

Estímase que, coas medidas implantadas, se incrementará un 51% o uso do transporte público, permitindo retirar 500 vehículos diarios das rúas da cidade de Lugo e o seu contorno.

Santiago, 2 de decembro de 2010.- A cidade de Lugo e a súa área metropolitana contarán por primeira vez cun servizo de transporte metropolitano que implicará un abaratamento do billete, garantirá o transbordo gratuíto e a implantación da tarxeta única metropolitana.

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe a autorización do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos da área para a implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano de Lugo (PTM). Medio Ambiente investirá, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, máis de 1,3 millóns de euros (1.347.704), que supoñen o 76% do investimento total. Pola súa parte, os concellos farán un investimento de 425.244 euros que suporán o 24% restante. Esta achega será distribuída no período comprendido entre o 2010 e o 2015.

A implantación do novo plan incorpora aos concellos de Lugo, Castro de Rei, Castroverde, Friol, Guntín, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade, creando unha área metropolitana beneficiada que suma máis de 124.000 galegas e galegos, e que permitirá coa súa posta en marcha implantar progresivamente seis novas rutas; das cales tres serán de interese municipal e as outras tres de interese metropolitano.

As liñas propostas de interese municipal serán Os Alargos-Outeiro de Rei, Martul-Outeiro de Rei e Vicinte-Outeiro de Rei. Por outra banda, as liñas de servizos de interese metropolitano (3) serían: Outeiro de Rei-Castro Ribeiras de Lea-Lugo, Vilachá - Adai - Lugo, e Lugo - Adai- Prolongación ata Vilachá.

Coa potenciación do novo plan de transporte espérase pasar de 2,4 millóns de viaxes previstas para 2015 a 3,7 millóns, polo que se incrementarían un 51%. Estímase que se poden eliminar máis de 500 vehículos diarios na cidade de Lugo e o seu contorno. En definitiva, fomentarase a mobilidade con menos coches privados. Outro dato significativo que xustifica a necesidade de implantación deste servizo é o feito de que na área de Lugo preto dun 95% dos desprazamentos monotorizados se realizan en vehículo privado, fronte ao 5% que acostuma empregar o servizo público.


Sistema tarifario
Coa implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano porase en marcha un novidoso sistema tarifario. No sistema actual, a tarifa é en función da distancia, de tal xeito que canto máis longa é a viaxe, máis caro é o billete. No novo sistema, o territorio divídese en varias zonas tarifarias. Cada zona tarifaria estará constituída por un ou varios concellos, de tal forma que os veciños dun mesmo concello terán as mesmas tarifas para os seus desprazamentos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento.

A ATM de Lugo queda ordenada en cinco zonas de transporte, facilitando aos cidadáns o uso do transporte mediante a simplificación das tarifas, a información e o uso da nova tarxeta metropolitana.

Sinalar que outra das principais vantaxes do novo sistema é a interacción das redes urbanas e interurbanas o que permite facer transbordos gratuítos entre redes cun importante aforro para as persoas usuarias.

O novo Plan de Transporte Metropolitano en Lugo permitirá reducir tarifas nas viaxes metropolitanas con aforros mínimos do 40%, que se incrementan cos transbordos gratuítos e os descontos adicionais para as persoas que viaxen con maior frecuencia. O usuario que empregue o transporte metropolitano diariamente, poderían acadar un aforro anual de ata 600 euros (diminución media de máis do 60% nos distintos desprazamentos).

Deste xeito, o nivel de prezos será fixado segundo os saltos que se fagan dunha zona a outra, entendendo por salto o movemento entre distintas zonas, cando se pasa dunha zona a outra será un salto, se se traspasan dúas, dous saltos (o máximo previsto polo momento). Se o viaxeiro opta por facer viaxes na mesma zona de transporte ou decide facer un só "salto" deberá pagar 0,72 céntimos de euro (a inmensa maioría das viaxes previstas na área) e se decide facer unha viaxe de dous saltos o custo da súa viaxe será de 1,10 cando agora pode roldar uns 2 euros de media.

Ademais, a Xunta de Galicia asumiu o compromiso de subministración de novas marquesiñas e postes de parada por valor de 300.000 euros. Ademais do investimento, o labor da Goberno autonómico será a inspección do cumprimento dos servizos ofertados polas empresas concesionarias. Por outra banda, os concellos asumirán o compromiso da instalación, conservación e mantemento das infraestruturas do PTM.