Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA APROBA O CONVENIO PARA A IMPLANTACIÓN DO NOVO TRANSPORTE METROPOLITANO DE FERROL, QUE INCLÚE O ABARATAMENTO DO BILLETE, OS TRASBORDOS GRATUÍTOS E A TARXETA ÚNICA METROPOLITANA

O investimento da Xunta de Galicia será de máis de 9,3 millóns de euros que serán distribuídos no período comprendido entre o 2010 e o 2015.

Os concellos adscritos neste convenio definitivo son: Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño.

O novo Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol (PTM) terá 6 novas liñas; 2 de interese municipal e 4 de interese metropolitano.

Estímase que, coas medidas implantadas, se incrementará un 66,4% o uso do transporte público, permitindo retirar 1.500 vehículos diarios das rúas da cidade de Ferrol e o seu contorno.

Santiago, 25 de novembro de 2010.- O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe a autorización do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos da área para a implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol (PTM). Medio Ambiente investirá, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, máis de 9,5 millóns de euros, que supoñen o 60% do investimento total. Pola súa parte, os concellos farán un investimento de 6,4 millóns de euros que suporán o 40% restante, correspondendo 4 millóns de euros ao concello de Ferrol. Esta achega será distribuída no período comprendido entre o 2010 e o 2015.

A implantación do novo plan incorpora aos concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño, creando unha área metropolitana beneficiada que suma máis de 170.000 galegas e galegos, e que permitirá coa súa posta en marcha implantar progresivamente 6 novas rutas; das cales 2 serán de interese municipal e as outras 4 de interese metropolitano.

As liñas propostas de interese municipal serán Ares-Mugardos Circular Oeste, Ares-Mugardos Circular Leste e reordenar e mellorar as liñas da rede urbana de Ferrol. Por outra banda, as liñas de servizos de interese metropolitano (4) serían: Pontedeume-Cabanas-Fene-Ferrol, Circular da Ría, e Ferrol-Meirás-Valdoviño, e a Liña Marítima Ferrol-Mugardos.

Tamén se levarán a cabo actuacións de mellora e reordenación da área de Ferrol así como a aposta pola intermodalidade do transporte metropolitano coa inclusión dos servizos do FEVE.

Coa potenciación do novo plan de transporte espérase pasar de 3,2 millóns de viaxes previstas para 2015 a 5,4 millóns, polo que se incrementarían un 66,4%. Estímase que se poden eliminar máis de 1.500 vehículos diarios na cidade de Ferrol e o seu contorno. En definitiva, fomentarase a mobilidade con menos coches privados.

Sistema tarifario
Coa implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano porase en marcha un novidoso sistema tarifario. No sistema actual, a tarifa é en función da distancia, de tal xeito que canto máis longa é a viaxe, máis caro é o billete. No novo sistema, o territorio divídese en varias zonas tarifarias. Cada zona tarifaria estará constituída por un ou varios concellos, de tal forma que os veciños dun mesmo concello terán as mesmas tarifas para os seus desprazamentos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento.

No novo PTM de Ferrol terá seis zonas tarifarias: a zona que só comprende o Concello de Ferrol (C-Fer0), a zona que comprende os concellos de Pontedeume e Cabanas (C-Eum0), a área que comprende Fene, Narón e Neda (C-Fer1), a zona do Concello de Valdoviño (C-Fer2), a zona que comprende os concellos de Ares e Mugardos (C-Fer3) e a zona do Concello de Cedeira (C-Fer4).
(Consultar mapa en descargar arquivo)

Sinalar que outra das principais vantaxes do novo sistema é a interacción das redes urbanas e interurbanas o que permite facer transbordos gratuítos entre redes cun importante aforro para as persoas usuarias.

O novo Plan de Transporte Metropolitano en Ferrol permitirá reducir tarifas nas viaxes metropolitanas con aforros mínimos do 40%, que se incrementan cos transbordos gratuítos e os descontos adicionais para as persoas que viaxen con maior frecuencia. Cada viaxe pasará de custar 1,30 euros na actualidade a custar 0,72. Así, o usuario que empregue o transporte metropolitano diariamente, poderían acadar un aforro anual de ata 600 euros.

Deste xeito, o nivel de prezos será fixado segundo os saltos que se fagan dunha zona a outra, entendendo por salto o movemento entre distintas zonas, cando se pasa dunha zona a outra será un salto, se se traspasan dúas, dous saltos (o máximo previsto polo momento). Se o viaxeiro opta por facer viaxes na mesma zona de transporte ou decide facer un só "salto" deberá pagar 0,72 céntimos de euro (a inmensa maioría das viaxes previstas na área) e se decide facer unha viaxe de dous saltos o custo da súa viaxe será de 1,10 cando agora pode roldar uns 2 euros de media.

Investimentos das Administracións
A Xunta de Galicia prevé un investimento en promoción e mellora da rede de transporte de máis de 9,5 millóns de euros entre os anos 2010 e 2015, mentres os 10 concellos incluídos no PTM de Ferrol farán unha achega de 6,4 millóns de euros.

Ademais, a Xunta de Galicia asumiu o compromiso de subministración de novas marquesiñas e postes de parada por valor de 300.000 euros. Ademais do investimento, o labor da Goberno autonómico será a inspección do cumprimento dos servizos ofertados polas empresas concesionarias. Por outra banda, os concellos asumirán o compromiso da instalación, conservación e mantemento das infraestruturas do PTM.

Documento/s relacionados