Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA INVESTIRÁ 830.000 EUROS NAS CANCELADORAS QUE GARANTIRÁN A OPERATIVIDADE DA NOVA TARXETA METROPOLITANA DE SANTIAGO E NA ADQUISICIÓN DE TRES AUTOBUSES

As medidas que se levarán a cabo facilitaránlles a mobilidade tanto aos habitantes de Santiago de Compostela como aos veciños de Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

A compra de 63 máquinas canceladoras-expendedoras garantirá a operatividade da tarxeta metropolitana tanto na cidade coma na área metropolitana

A previsión da Xunta de Galicia é que comecen as probas piloto das novas maquinas en xaneiro do próximo ano e que sexan operativas o primeiro trimestre do 2011.

Esta actuación materializa o convenio aprobado polo Consello da Xunta o pasado 28 de outubro, en que se sentaron as bases da implantación do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago (PTM)

Santiago, 11 de novembro de 2010.- O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Santiago de Compostela, xunto coa empresa UTE Tralusa, que se encarga do servizo do transporte urbano da capital galega.

Neste convenio acórdase un investimento de 830.000 euros por parte da Xunta de Galicia, dos que 600.000 (fondos Feder) irán destinados á adquisición de tres novos autobuses e 230.000 se destinarán á compra das máquinas canceladoras de nova tecnoloxía necesarias para á implantación da nova tarxeta metropolitana.

Estas medidas que se levarán a cabo permitirán a implantación do popularmente coñecido como "billete único", é dicir, a nova tarxeta metropolitana, que permitirá conectar de modo transparente para os usuarios o transporte interurbano de proximidade da área metropolitana co transporte urbano da cidade.

Deste xeito, facilitarálles a mobilidade tanto aos habitantes de Santiago de Compostela como aos veciños dos once concellos adscritos ao Plan de Transporte Metropolitano de Santiago (PTM): Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destinará a maior partida á compra de tres novos autobuses urbanos, co fin de promover o transporte limpo no centro histórico da capital, así como á necesidade de substituír progresivamente os autobuses de máis de doce anos por outros máis respectuosos co ambiente.

Máquinas expendedoras-canceladoras
Medio Ambiente investirá 230.000 euros na compra de 63 novas máquinas canceladoras-expendedoras que garantirán a operatividade da nova tarxeta metropolitana no sistema de transporte urbano da capital galega. Actualmente, o sistema de transporte urbano dispón dunha tarxeta específica da empresa, recargable nos autobuses e que funciona a modo de bono.

A finalidade destas máquinas será que o usuario que posúa a nova tarxeta de transporte metropolitano acceda á rede de servizos metropolitanos, cun novo sistema tarifario zonal. Este novo sistema tarifario estará baseado na distribución do territorio da área metropolitana en zonas tarifarias, constituída cada unha delas por un ou varios concellos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento.

Sinalar que outra das principais vantaxes do novo sistema é a interacción das redes urbanas e interurbanas, o que permite despenalizar os transbordos entre redes cun importante aforro para as persoas usuarias. Ademais, coa implantación destas máquinas será posible transmitir os datos ás administracións para os efectos de compensación ás empresas operadoras de transporte. O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro do 2011.

Plan de Transporte Metropolitano de Santiago
Esta actuación materializa o convenio aprobado polo Consello da Xunta o pasado 28 de outubro en que se sentaron as bases da implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano de Santiago (PTM). A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, prevé un investimento final de máis de 12 millóns de euros na área compostelá), dos cales máis do 80% serán achegados pola Xunta de Galicia, ademais de facerse cargo do importe dos transbordos.

A implantación do novo plan incorpora os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra, creando unha área metropolitana beneficiada que suma máis de 178.000 galegas e galegos e que permitirá coa súa posta en marcha implantar progresivamente 16 novas rutas; das cales catro serán de interese municipal e as outras doce de interese metropolitano. En definitiva, garantirase unha maior coordinación entre os medios urbanos e interurbanos mediante a posta en marcha do programa de transbordos gratuítos para os usuarios, un incremento da oferta de servizos e o programa de mellora da información aos usuarios e mellora de infraestruturas (marquesiñas, intercambiadores¿).