Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA APROBA O CONVENIO PARA A IMPLANTACIÓN DO NOVO TRANSPORTE METROPOLITANO DE SANTIAGO, QUE INCLÚE O ABARATAMENTO DO BILLETE, OS TRANSBORDOS GRATUÍTOS E A TARXETA ÚNICA METROPOLITANA

Os concellos adscritos neste convenio definitivo son 11: Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

 Estímase que, coas medidas implantadas, se incrementará un 52% o uso do transporte público, permitindo retirar 2.000 vehículos diarios das rúas da cidade da Coruña e o seu contorno

Santiago, 28 de outubro de 2010.- O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe a autorización do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos da área de transporte metropolitano de Santiago para a implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano de Santiago (PTM). O novo plan prevé un investimento de máis de 12 millóns de euros na área compostelá por parte das administracións públicas (Xunta e concellos), dos cales máis do 80% serán achegados pola Xunta de Galicia, ademais de facerse cargo do importe dos transbordos.

As condicións do convenio foron consensuadas entre a Xunta e os 11 concellos de xeito que xa foi tramitado e aprobado por todas e cada unha das administracións locais.

A implantación do novo plan incorpora os concellos de Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra creando unha área metropolitana beneficiada que suma máis de 178.000 galegas e galegos que permitirá coa súa posta en marcha implantar progresivamente 16 novas rutas; das cales 4 serán de interese municipal e as outras 12 de interese metropolitano. En definitiva, garantirase unha maior coordinación entre os medios urbanos e interurbanos mediante a posta en marcha do programa de transbordos gratuítos para os usuarios, un incremento da oferta de servizos e o programa de mellora da información aos usuarios e mellora de infraestruturas (marquesiñas, intercambiadores¿).

Estímase que, coas medidas implantadas, se incrementará un 52% o uso do transporte público, permitindo retirar 2.000 vehículos diarios das rúas da cidade da Coruña e o seu contorno. No caso de Santiago, espérase pasar dos 8,3 millóns de viaxes previstas para o ano 2015 a 14,4 millóns como consecuencia do novo plan. Actualmente, na área de Santiago preto do 90% (88,2) dos desprazamentos realízanse en vehículo privado, fronte ao 10% de transporte público. O obxectivo do plan é dobrar a cota de participación do transporte público ata polo menos o 20% en 2015, o que permitirá unha maior mobilidade con menos coches privados.

Por outra banda, o novo plan ten unha actuación moi significativa de aforro para as persoas usuarias, cunha redución de custos mínimos do 40% (chegando ata un 55%), ao increméntanse cos transbordos gratuítos e os descontos por recorrencia (dun 15% adicional para as persoas usuarias que viaxen frecuentemente). A tarificación será por zonas, en lugar de por quilómetros.

Sistema tarifario
Coa implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano porase en marcha un novo sistema tarifario zonal, baseado na distribución do territorio da área metropolitana en zonas tarifarias, constituída cada unha delas por un ou varios concellos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento.

Sinalar que outra das principais vantaxes do novo sistema é a interacción das redes urbanas e interurbanas o que permite facer transbordos gratuítos entre redes cun importante aforro para as persoas usuarias.

Polo tanto, a tarxeta metropolitana de Galicia (TMG) permitirá abaratar o custo de cada viaxe dunha forma moi substancial nun contexto de crise. O novo Plan de Transporte Metropolitano de Santiago permitirá utilizar a tarxeta de transporte urbano no transporte metropolitano, tendo a mesma validez que a TMG.