Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA APROBA O CONVENIO PARA A IMPLANTACIÓN DO NOVO TRANSPORTE METROPOLITANO DA CORUÑA, QUE INCLÚE O ABARATAMENTO DO BILLETE, OS TRASBORDOS GRATUÍTOS E A TARXETA ÚNICA METROPOLITANA

As melloras están recollidas na Lei de medidas urxentes para a modernización do transporte público

Os concellos adscritos neste convenio definitivo son: A Coruña, Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada

 Estímase que, coas medidas implantadas, se incrementará un 20% o uso do transporte público, permitindo retirar 7.000 vehículos diarios das rúas da cidade da Coruña e o seu contorno

Santiago, 9 de setembro de 2010.- O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe a autorización do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos da área de transporte metropolitano da Coruña para a implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano da Coruña (PTM). Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Mobilidade. O novo plan prevé un investimento na área coruñesa por parte das administracións públicas (Xunta e concellos), dos cales o 80% serán achegados pola Xunta de Galicia.

Na reunión da Comisión de Seguimento, do pasado 1 de marzo de 2010, consensuouse entre a Xunta e os 10 concellos o texto do convenio, que xa foi tramitado e aprobado por todas e cada unha das administracións locais.

A implantación do novo plan incorpora os concellos da Coruña, Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada creando unha área metropolitana beneficiada que suma máis de 400.000 galegas e galegos que permitirá coa súa posta en marcha implantar progresivamente 18 novas rutas; das cales 9 serán de interese municipal e as outras 9 de interese metropolitano.

As melloras están recollidas na Lei de medidas urxentes para a modernización do transporte público. No novo plan deberán incorporarse todos os operadores que traballan na área metropolitana.

Estímase que, coas medidas implantadas, se incrementará un 20% o uso do transporte público, permitindo retirar 7.000 vehículos diarios das rúas da cidade da Coruña e o seu contorno.

Sistema tarifario
Coa implantación do novo Plan de Transporte Metropolitano porase en marcha un novidoso sistema tarifario. No sistema actual, a tarifa é en función da distancia, de tal xeito que canto máis longa é a viaxe, máis caro é o billete. No novo sistema, o territorio divídese en varias zonas tarifarias. Cada zona tarifaria estará constituída por un ou varios concellos, de tal forma que os veciños dun mesmo concello terán as mesmas tarifas para os seus desprazamentos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento.

Sinalar que outra das principais vantaxes do novo sistema é a interacción das redes urbanas e interurbanas o que permite facer transbordos gratuítos entre redes cun importante aforro para as persoas usuarias.

Polo tanto, a tarxeta metropolitana de Galicia (TMG) permitirá abaratar o custo de cada viaxe dunha forma moi substancial nun contexto de crise. O novo Plan de Transporte Metropolitano da Coruña permitirá utilizar a tarxeta de transporte urbano no transporte metropolitano, tendo a mesma validez que a TMG. Ademais disto, nun futuro próximo, implementarase a tarxeta metropolitana social de Galicia (TMSG) que fixará un desconto adicional a maiores establecendo perfís e niveis de descontos idénticos a todos os concellos da área metropolitana.