Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

MEDIO AMBIENTE LICITA A SUBMINISTRACIÓN DE 300 POSTES DE PARADA E 230 MARQUESIÑAS PARA A ESPERA DE AUTOBUSES DESTINADOS ÁS ÁREAS DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE GALICIA

O obxectivo fundamental deste proxecto é mellorar as infraestruturas de transporte público, ofrecendo maior comodidade ao usuario mediante a sinalización ou a información de horarios e localización de paradas

Subministraranse 230 marquesiñas e 300 postes de paradas de autobuses

O Goberno galego solicitou aos concellos implicados que remitan un inventario sobre o estado e as necesidades das citadas infraestruturas nos municipios

A Xunta mostra a súa continua implicación nos proxectos que benefician aos cidadáns galegos, así como a coordinación entre as distintas administracións

Santiago, 7 de setembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da contratación da subministración e depósito de postes de parada e marquesiñas para a espera de autobuses. A Xuta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, achega un importe de preto de 1,2 millóns de euros para levar a cabo a presente actuación, que está enmarcada nas medidas contempladas no novo Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.

O orzamento existente é de máis dun millón de euros para os 230 refuxios, e 177.000 euros para os 300 postes de parada de autobuses.

Trátase dun contrato para o subministro e depósito de postes de parada e marquesiñas de primeiro e segundo nivel, en función do tamaño e capacidade, destinadas a cubrir as necesidades máis urxentes no ámbito das áreas de transporte metropolitano de Galicia.

Proximamente, a Dirección Xeral de Mobilidade promoverá o desenvolvemento dun deseño homoxéneo de mobiliario urbano do transporte público para toda a Comunidade Autónoma, a través dun concurso de ideas, que servirá de modelo para as futuras adquisicións que efectúe a Xunta de Galicia.

Obxectivos
O propósito fundamental deste proxecto é mellorar as infraestruturas de transporte público, ofrecendo maior comodidade ao usuario mediante a sinalización ou a información de horarios e localización de paradas.

O Goberno galego solicitou aos concellos implicados que remitan un inventario sobre o estado e as necesidades das citadas infraestruturas nos municipios. Unha vez que a Dirección Xeral de Mobilidade reciba os inventarios locais, realizará un estudo do estado actual dos dispositivos instalados e valorará as posibilidades de renovación, reposición ou nova instalación. Neste senso, a Xunta mostra a súa continua implicación nos proxectos que benefician aos cidadáns galegos, así como a coordinación entre as distintas administracións.

O transporte metropolitano
A idea de implementar un Plan de Transporte Metropolitano en Galicia orixinouse no ano 2003 e comezou a materializarse a partir do ano 2005 coa firma de Convenios de colaboración interadministrativos con tres áreas de transporte metropolitano: Ferrol (convenio asinado o 1 de febreiro de 2005), A Coruña (convenio asinado o 2 de marzo de 2005) e Santiago de Compostela (asinado o 12 de maio de 2006). O obxectivo fundamental dos Plans de Transporte Metropolitanos é mellorar a competitividade do sistema de transporte público colectivo, nunha clara aposta polo fomento da mobilidade sustentable.

A intervención das Administracións Públicas queda xustificada pola existencia de importantes economías externas como consecuencia da promoción dos modos colectivos. O plan materializouse coa implantación dunha tarxeta única para todas as áreas: a tarxeta do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG). Na actualidade máis do 60% dos desprazamentos realizados en medios de transporte público metropolitano nas áreas onde funciona contan con desconto. Outra das ferramentas importantes foi a definición de novas liñas municipais.