Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA IMPLANTA UN SERVIZO DE AUTOBUSES AO AEROPORTO DE LAVACOLLA QUE ESTARÁ OPERATIVO 18 HORAS AO DÍA OS 7 DÍAS DA SEMANA, INCREMENTANDO NUN 62% O NÚMERO DE SERVIZOS ACTUAIS

Os novos servizos de transporte entre o aeroporto de Lavacolla e Santiago implican un incremento de calidade e frecuencia

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presentou hoxe este novo servizo que se enmarca dentro das actuacións do Novo Plan de Transporte Metropolitano

 

Santiago, 30 de xuño de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presentou hoxe os novos servizos de transporte entre o aeroporto de Lavacolla e Santiago de Compostela, que mañá se iniciarán e que se caracterizarán por estar operativos 18 horas ao día os 7 días da semana. Este feito supón incrementar os servizos actuais nun 62%, xa que a partir de mañá haberá un autobús cada 30 minutos, dende as 6 da mañá ata máis alá da media noite cunha parada de saída unificada, ubicada na Rúa Doutor Teixeiro.

O novo servizo de transporte caracterízase por un incremento da calidade e frecuencia dos servizos de transporte público que ata agora se viñan prestando. Tal e como explicou o conselleiro, trátase de impulsar un servizo de transporte público co obxectivo de que resulte funcional e competitivo, constituíndose como unha alternativa real á hora de realizar os seus desprazamentos.

Deste xeito, establécense uns servizos específicos e diferenciados de transporte ao aeroporto de Lavacolla, no que se potencia a intermodalidade (cos servizos de autobús interurbano, metropolitanos e ferroviarios, á parte dos propios servizos de transporte aéreo). O primeiro servizo sairá dende Santiago cara ao aeroporto ás 6 da mañá e o último ás 00,00 horas da noite. No sentido contrario, o primeiro servizo sairá do aeroporto ás 06,45 e o último ás 00,45 horas. En definitiva, o novo servizo ofrece aos cidadáns un total de 94 viaxes cada día fronte aos 58 que circulaban ata o momento, o que supón un incremento do 62%. As franxas horarias amplíanse para dar servizo a todos os voos.

A Consellería apostou por unificar nunha única liña as tres que viñan prestando o servizo que e realizaban de xeito triplicado, (o servizo que prestaba unha empresa de baixo custe dende a Praza de Galicia, a liña Doutor Teixeiro - Aeroporto por estrada e a liña Doutor Teixeiro - Aeroporto pola A-54). Esta realidade non se traducía nun servizo cómodo e práctico cara o usuario, senón que as tres rutas distintas xeraban confusión, aclarou o conselleiro, polo que se optou por crear un operativo de altas prestacións facilmente comprensible ao cidadán. Engadiu que o obxectivo é converter o transporte público, actualmente cunha baixa participación do 10%, no modo principal nas relacións de mobilidade co aeroporto.

O novo servizo utilizará a estrada N-654, co que se ofrecerán servizos de transporte, ademais de ao aeroporto, aos centros hoteleiros situados tanto na Lavacolla como nas zonas do Monte do Gozo, San Lázaro e o Pazo de Congresos, aos cidadáns das parroquias polas que transcorre, e a importantes centros de traballo como a CRTVG.

No percorrido urbano, inicialmente, terá paradas na estación de autobuses, na rúa Dr. Teixeiro, e nas proximidades da estación do ferrocarril, co obxectivo de que os servizos teñan a maior accesibilidade tanto á cidadanía como á outros modos de transporte. Na medida que as conversacións co Concello avancen, estas paradas poderían aumentarse (Consultar itinerario en Descargar Arquivo).

A opción de realizar o percorrido pola N-654 implica apenas 5 minutos mais de tempo que por autovía e, a cambio, apórtase un mellor servizo, con mais paradas e mais usuarios potenciais.

Unificación das tarifas
Outro dos fitos deste salientados hoxe é a unificación das tarifas actuais para facilitar a comprensión do funcionamento ao cidadán, co que se consegue a prestación dun servizo de calidade a prezos altamente competitivos. Agora o prezo do billete sinxelo ao aeroporto será de 3 euros, e o de ida e volta, 5 euros, en ambos os dous casos cando a orixe ou destino final sexa o aeroporto. Nos outros casos, o billete sinxelo custará 1,30 euros. Non obstante, será posible utilizar estes servizos coa tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia, co que o prezo do servizo será inicialmente 0,72 céntimos de euro.

Unha vez que o novo Plan de Transporte Metropolitano se poña en marcha na área de Santiago, a nova tarxeta metropolitana de Galicia será utilizable neste servizo e polo tanto os transbordos serán gratuítos. Deste xeito, os pasaxeiros que veñan dos concellos limítrofes con Santiago utilizando o transporte metropolitano tan só pagarán o prezo dunha soa viaxe, é dicir, 0,72 céntimos de euro.

Outra das novidades dos servizos son os paneis informativos dispostos nas paradas máis importantes (rúa Dr. Teixeiro, aeroporto, estación de autobuses), que proporcionan información en tempo real acerca da situación dos autobuses, así como do tempo estimado de espera para a chegada do autobús máis próximo a cada parada. Estas pantallas tamén ofrecen información sobre horarios doutros modos de transporte, que se irá complementando nos próximos días.

Estes servizos iniciaranse con tres modernos autocares especificamente dedicados a esta relación pola empresa Freire. Non obstante, ao longo deste ano, dous deles serán substituídos por outros tantos autobuses especificamente deseñados para o servizo ao aeroporto (piso semibaixo tipo "low entry", accesibilidade mellorada con maletas, etc.). No primeiro semestre do ano 2011 substituirase o terceiro dos vehículos. Todos eles terán unha imaxe específica que identifique doadamente os servizos ao aeroporto

Colaboración
Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas quérese subliñar que a posta en marcha de estes servizos faise paralelamente ao mantemento de conversas co Concello, dentro do marco do Novo Plan de Transporte Metropolitano, na procura de novas solucións para mellorar á accesibilidade destes servizos á cidade de Compostela. Neste aspecto, ambas as dúas institucións están de acordo en seguir traballando para conseguir un servizo de conexión ao aeroporto o máis eficaz posible.

Documento/s relacionados