Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA INCREMENTARÁ O NÚMERO DE FRECUENCIAS DE TRANSPORTE ENTRE O AEROPORTO DE LAVACOLLA E SANTIAGO E SOLICITARÁ A COLABORACIÓN DO CONCELLO PARA POÑER EN MARCHA ESTA INICIATIVA

O Goberno galego instalará puntos de información no interior das tres terminais co fin de que os usuarios coñezan a localización de paradas, horarios e tarifas.

Santiago, 24 de febreiro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para explicar a situación actual do transporte de conexión entre as distintas áreas urbanas cos aeroportos galegos.

Hernández indicou que o aeroporto de Peinador, en Vigo, conta cun servizo de transportes de carácter urbano, que realiza a empresa Vitrasa mediante unha concesión municipal. Estes autobuses saen de Peinador cara ao centro urbano cada trinta minutos, comezando ás seis da mañá e rematando ás once da noite, coincidindo coa chegada do último voo.

No referente a Alvedro, o transporte é prestado pola empresa Automóviles Sigrás Carral S.A (Asicasa), concesión da Xunta de Galicia que dispón dun servizo cada media hora dende as 7:15 horas ata as 21:45 os días laborais. Os sábados, domingos e festivos, a frecuencia dos autobuses é horaria. Esta liña está enmarcada dentro do Plan de Transporte Metropolitano da área da Coruña.

O aeroporto compostelán é o que conta co menor índice de frecuencias no transporte público. No caso da terminal de Lavacolla, en Santiago de Compostela, o servizo de transporte corre a cargo da empresa Freire, saíndo autobuses cada hora, dende as 7:15 ata as 23:30 horas.

Agustín Hernández sinalou que a Xunta de Galicia, considerando que este ano é Xacobeo, está traballando para incrementar o número de frecuencias co aeroporto de Lavacolla, para o que solicitará a colaboración do Concello de Santiago. Ademais, a implantación do Novo Plan de Transporte Metropolitano significará a eliminación do custo dos trasbordos, polo que os viaxeiros poderán desprazarse dende calquera punto da área metropolitana de Santiago ata o aeroporto, combinando o autobús metropolitano ou urbano.

Puntos de información
Por outra parte, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas instalará nun breve prazo puntos de información no interior das tres terminais aeroportuarias. O obxectivo fundamental deste proxecto é que os viaxeiros poidan coñecer a localización das paradas de transporte público e as distintas frecuencias horarias, tarifas e combinacións con outros medios de transporte como o tren ou o autobús.

Transporte metropolitano
Finalmente, Hernández lembrou que a Xunta de Galicia está a traballar activamente para poder implantar o Novo Plan de Transporte Metropolitano nas sete áreas de Galicia, mantendo reunións continuas con todos os interlocutores implicados. O goberno galego investirá un total de 12 millóns de euros para a execución do transporte metropolitano. Deste xeito, a Dirección Xeral de Mobilidade xa se comprometeu publicamente a poñer en marcha este novo plan en Ferrol, A Coruña e Santiago neste primeiro semestre. Ademais, implantarase nas áreas restantes, Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo ao longo do presente ano 2010.