Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A XUNTA SACA A CONCURSO A DEFINICIÓN DO PLAN DIRECTOR DE MOBILIDADE ALTERNATIVA

Un dos fitos máis importantes deste plan, despois da potenciación dos desprazamentos menos contaminantes, é a creación dunha denominación do tipo Vía ciclista galega.
O conselleiro de Medio Ambiente indica que se elaborará un manual ou guía de implantación e deseño de vías ciclistas, adaptado ao ámbito de Galicia e con especificacións para o contorno metropolitano e o rural.
Recorda que o Plan Move destina ata o ano 2015 un total de 103 millóns de euros para a construción de sendas peonís e carrís bicis, separadas das vías de circulación.
Aposta pola potenciación da intermodalidade, polo que se creará unha rede básica galega de vías ciclistas, conectada coas redes exteriores e coas redes de servizos de transporte público.
Dentro dunha segunda fase de actuación deste plan promoveranse accións educativas, xa que aseguran unha concienciación xeral na poboación adulta futura.

Santiago, 7 de xaneiro de 2010.- O Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, anuncia a licitación do Plan Director de Mobilidade Alternativa, cuxo principal obxectivo é fomentar o uso dos modos de transporte non motorizados, como a bicicleta e a marcha a pé. Con esta medida o Goberno galego busca incrementar a súa importancia no reparto modal con relación á dos modos motorizados privados, como o coche particular, tanto no medio urbano como no rural.

Así o puxo de manifesto esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que presentou esta iniciativa no eido da mobilidade sostible dotada cun orzamento de 340.000 euros e terá unha vixencia de dez anos, de tal xeito que a Comunidade galega dispoña de infraestruturas cómodas e seguras para andar en bicicleta e camiñar.

O Plan Director de Mobilidade Alternativa elaborarase en base a tres fases: a primeira será de análise e diagnóstico da situación actual; a segunda fase centrarase no avance do plan e no proceso de información aos colectivos e as administracións involucradas, mentres que a última corresponde a definición e planificación do plan. Tal e como se recolle no prego do contrato desta medida de sostibilidade, publicado no Diario Oficial da Unión Europea o pasado 31 de decembro, as empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 19 de febreiro de 2010 -de 50 días naturais- para presentar os proxectos sobre o plan director.

O responsable de Infraestruturas sinalou que os modos de transporte non motorizados son os máis eficientes para distancias de ata sete quilómetros, rango no que está unha gran parte das viaxes que facemos. Destacou que na actualidade tan só unha de cada 1.000 viaxes que se realizan son en bicicleta, unha cifra que está 20 veces por debaixo das de San Sebastián ou Pamplona ou 100 veces menos que en Berlín, cidades cunhas condicións non moito mellores que algunhas cidades galegas, sentenciou. Aclarou que para a definición do plan teranse en conta os beneficios da experiencias doutros países e comunidades, é dicir, as "boas prácticas" na materia da mobilidade non motorizada recoñecidas, como é o caso de Londres ou Amsterdam.

Outros obxectivos
Segundo manifestou Hernández este Plan de mobilidade tamén estará relacionado e coordinado con outros plans do Goberno galego, como son o Plan Move- Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica, no que se recolle un orzamento de 103 millóns de euros ata o ano 2015 para a construción de sendas peonís e carrís bicis, separadas das vías de circulación; e o Plan Estratéxico para o fomento da actividade física- Galicia Saudable, promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte. A modo de exemplo, citou que se potenciarán os hábitos saudables de camiñar e andar en bicicleta, en condicións de seguridade; e precisou que a seguridade debe estar garantida para todos os usuarios da infraestrutura, tanto os motorizados como os non motorizados. Recordou que hai uns días o director do Inega Eliseo Diéguez, anunciou que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) destinará 700.000 euros a financiar en 2010 o programa 'Bicicadáns', co fin de incentivar o uso urbano e interurbano en bicicleta en oito concellos galegos. Esta inversión vaise a materializar a través de cinco convenios cun total de oito municiipios: Lalín, O Barco-A Rúa (que concurren de forma conxunta), Porto do Son-Noia-Lousame (cun único acordo para os tres), a Coruña e Ourense.

Con esta medida tamén se propicia a coordinación entre as administracións públicas para o fomento do uso dos modos non motorizados, especialmente no que atinxe ás redes de vías ciclistas ; dotase a Galicia de infraestruturas cómodas e seguras para andar en bicicleta e camiñar; e crease unha rede básica galega de vías ciclistas, de carácter interurbano e metropolitano. Segundo manifestou o conselleiro, a idea é crear unha denominación do tipo Vía ciclista galega, que distinga ás vías ciclistas que integren a rede básica de vías ciclistas de Galicia ou as redes locais, de modo que se garantan os requisitos funcionais mínimos establecidos no Plan Director. Esta denominación será outorgada pola Xunta de Galicia, e terá reflexo na sinalización das vías. O conselleiro explicou tamén a creación dun Consello Galego de Mobilidade Alternativa. Trataríase dun órgano consultivo e asesor na materia, que contaría con participación pública para definir do xeito máis preciso as necesidades e os proxectos que precisa cada zona de Galicia.
Coordinación administrativa
Un dos factores claves e imprescindibles para o fomento do uso dos modos non motorizados é a coordinación entre as administracións públicas, especialmente para a creación e definición das redes de vías ciclistas. Aclarou que para o deseño destas vías estableceranse criterios técnicos entre as administracións galegas, coas premisas básicas de calidade e seguridade para os usuarios, adaptadas á realidade de Galicia e con criterios coordinados ou coherentes coas normas de deseño existentes fóra de Galicia. Tamén se elaborarán un manual ou guía de implantación e deseño de vías ciclistas, adaptado ao ámbito de Galicia e con especificacións para o contorno metropolitano e o rural, que sexa útil para os concellos e as deputacións provinciais.

Potenciación da intermodalidade
Outro dos retos que se fixa o Goberno galego con este Plan de mobilidade é a potenciación da intermodalidade, polo que se creará unha rede básica galega de vías ciclistas, conectada coas redes exteriores e -a súa vez- conectada coas redes de servizos de transporte público. Só deste xeito se pode acadar unha eficiente intermodalidade cos modos de transporte público colectivo, -explicou Hernández- polo que se deseñarán aparcadoiros para bicicletas cómodos e seguros nas estacións e outros intercambiadores modais, potenciarase o aluguer de bicicletas, e convenios con operadoras para facilitar o transporte das bicicletas nos vehículos, enumerou.

En relación coa conexión exterior, Hernández avanzou que o Plan Director de Mobilidade Alternativa será remitido aos responsables de mobilidade do Norte de Portugal para que, baseándose nel, desenvolvan o seu propio plan. A finalidade é coordinar o desenvolvemento das redes de vías ciclistas, unha acción que se levará a cabo a través dun proxecto europeo do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Loita contra o cambio climático
O conselleiro de Medio Ambiente destacou que este tipo de iniciativas axudan directamente ao medio ambiente, dado que se reduce contaminación de CO2, procedentes dos vehículos motorizados, así como a acústica. Por outro lado, preténdese cumprir coas propostas máis básicas das estratexias que se formulan a todos os niveis (europeo, estatal e galego) para o desenvolvemento e a mobilidade sostible e contra o cambio climático. Son accións que consisten en promover os desprazamentos a pé e en bicicleta como modos de transporte, xa que constitúen unha ferramenta para loitar contra o cambio climático, reducir a contaminación atmosférica e acústica, e contribuír á mellora da saúde, afirmou.

Formación e concienciación
Dentro dunha segunda fase de actuación deste plan promoveranse actuacións educativas, xa que aseguran unha concienciación xeral na poboación adulta futura; accións para a concienciación dos condutores de coches sobre a necesidade dunha pacífica convivencia; medidas para a divulgación e o fomento da mobilidade alternativa en todos os grupos e capas sociais, especialmente nos centros educativos e universidades; accións de promoción dos modos non motorizados entre os traballadores da Xunta de Galicia, así como medidas para mellora a seguridade dos usuarios das vías ciclistas; e actuacións para implicar no fomento da mobilidade non motorizada a axentes como o comercio, o sector turístico, ou a industria.