Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE REITERA NO PARLAMENTO DE GALICIA QUE A XUNTA MANTÉN ENTRE OS SEUS OBXECTIVOS OS PROXECTOS DE METRO LIXEIRO NAS CIDADES DA CORUÑA E VIGO

Cando o actual Goberno asume as súas funcións atopa dous estudos de viabilidade para a implantación do metros nestas cidades, cun proceso de información pública iniciado e no que hai alegacións importantes. Por todo isto, co novo Executivo decídese "analizar os estudos e, como consecuencia, determinouse non continuar coa súa tramitación"

No caso da Coruña, un dos aspectos que máis chama a atención, está en que o proxecto de rede que recolle o estudo inicial é diferente do que promove o propio concello da Coruña, entrando en contradición coa planificación municipal

No metro de Vigo, o custe por billete disparábase, xa que as administracións deben achegar durante os 20 anos do prazo de explotación cantidades que van dende 11,1 millóns de euros o ano 1 a 19,3 millóns de euros o ano 20, o que leva a unha tarifa técnica que estaría próxima a 5 euros

Santiago, 23 de xuño de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, reiterou no Parlamento de Galicia que o Goberno galego mantén entre os seus obxectivos os proxectos de metro lixeiro das cidades da Coruña e Vigo. Durante a súa comparecencia, Agustín Hernández lembroulle aos deputados presentes no Pleno da Cámara galega que "os proxectos para os metros de A Coruña e Vigo non están paralizados, de feito, insistiu, os estudos de viabilidade e os anteproxectos das dúas infraestruturas foron licitados nos pasados 25 de maio e 9 de xuño, respectivamente".

O responsable de Medio Ambiente da Xunta de Galicia explicou que no momento en que o actual Goberno asume as súas funcións atopou dous estudos de viabilidade para a implantación do metros nas cidades da Coruña e Vigo, cun proceso de información pública iniciado e no que se presentaran alegacións importantes. Por todo isto, o departamento que el dirixe decidiu "analizar ambos estudos e, como consecuencia desta análise, determinouse non continuar coa tramitación destes por varios motivos".

Hernández agregou que "cos datos que se presentan nesta comparecencia quedan claros os motivos polos que os estudos desenvolvidos para o metro lixeiro da Coruña e o impropiamente(realmente trátase dun metro lixeiro que circula, nunha parte do seu percorrido, en túnel. Un metro é un sistema ferroviario de alta capacidade e frecuencia -por certo, que non sempre circula en túnel-. O metro lixeiro é un sistema de capacidade intermedia) denominado metro de Vigo non poden ser considerados como bases suficientemente sólidas e rigorosas para seguir avanzando no desenvolvemento das redes de metro lixeiro metropolitano das áreas da Coruña e Vigo". Sen embargo reiterou que "estes proxectos son un dos compromisos do actual Goberno que, con estudos realistas e axeitados ás necesidades, imos cumprir".
Estudo Coruña
O estudo do metro lixeiro da Coruña feito polo bipartito restrínxese ao ámbito urbano da Coruña, cando debería ser un proxecto de ámbito metropolitano, como se concibe maioritariamente e mesmo o Concello o promove. Dende un punto de vista técnico, o documento contempla solucións técnicas deficientes e presenta notables carencias.

No estudo non se realiza ningún tipo de análise acerca da afección do metro lixeiro ao aparcadoiro no viario urbano, ao tráfico, nin a súa integración co sistema municipal de autobuses e, o que máis chama a atención, é que o proxecto de rede que se recolle no estudo resulta ser diferente do que promove o propio concello da Coruña, desenvolvido polo profesor Busquets, entrando en contradición coa planificación municipal.

No tocante ao apartado económico-financeiro desenvolvido neste estudo é a parte máis deficiente, polo que foi necesario realizar uno novo. No estudo realizado, a tarifa técnica (Tarifa técnica: á que se deberían de comercializar os billetes co obxecto de que os ingresos procedentes da súa venda compensen os custos de explotación e mantemento, paguen os custos da débeda do investimento, amorticen os investimentos, paguen os impostos correspondentes e que a media dos excedentes de caixa durante o prazo de explotación previsto reporten unha cantidade que traída ao ano de inicio proporcione unha rendibilidade sobre o investimento do 8%) resultaba ser de 1,3 euros, para obter unha taxa de rendibilidade (TIR) do 8%. Da análise realizada por un consultor independente, despréndese que esta tarifa técnica debería situarse no ámbito de 3,3 euros, para obter a mesma taxa de rendibilidade (TIR 8%).

Estudo Vigo
No referente ao documento de viabilidade da rede de metro en Vigo, Agustín Hernández remarcou que, ademais de presentar carencias e solucións técnicas deficientes semellantes ás da Coruña, as principais dificultades deste estudo derívanse do feito de tratarse dun metro lixeiro cunha proporción importante de trazado en túnel, que lastra o custo do proxecto.

O prezo de execución material das infraestruturas e cocheiras sitúase no ámbito dos 400 millóns de euros e, dese investimento, un 46% correspóndelle á infraestrutura subterránea. No estudo económico-financeiro realizado, sinálase unha tarifa técnica de 1,45 euros para conseguir unha taxa de rendibilidade (TIR) do 9%.

Para iso, as administracións deben achegar durante os 20 anos do prazo de explotación previsto cantidades que van dende 11,1 millóns de euros a ano 1 a 19,3 millóns de euros o ano 20. A análise realizada por un consultor independente indica que a tarifa técnica neste caso, para unha taxa de rendibilidade (TIR) do 8%, estaría próxima a 5 euros.

Na súa quenda de réplica, o conselleiro de Medio Ambiente manifestouse sorprendido de que sexa, precisamente, o grupo parlamentario dos Socialistas de Galicia quen formule esta pregunta, "xa que foron eles os que paralizaron a implantación deste tipo de sistemas ferroviarios de transporte metropolitano nas cidades de Galicia".

Agustín Hernández dixo que "resulta aínda máis curioso analizar o desenvolvemento que tiveron os dous estudos realizados durante o Goberno anterior, xa que dende a entrega dos documentos ata a súa información pública pasan dous anos" e remarcou que "o aínda máis sorprendente é que se poñen a información pública co Goberno xa en funcións, 25 días despois das eleccións do 1 de marzo".

Incidiu en que "mentres os socialistas realizaban na lexislatura pasada eses estudos, outras cidades conseguiron implantar unha rede de metro lixeiro".

Por último, o conselleiro de Medio Ambiente insistiu en que, "en calquera caso, agora é responsabilidade do actual Goberno tomar as decisións que vostedes non tomaron cando gobernaban" e remarcou "ímolo facer co seriedade, con rigor e coa vontade de cumprir un compromiso de Goberno e satisfacer unha necesidade para a mobilidade e o transporte sostible das dúas máis grandes cidades de Galicia".